22/08/2008

Malla revisited

Hai un ano era a VIIª edición, o vindeiro domingo 24 será a VIIIª! Pó, suor, centos de veciños a falar dos tempos aqueles, e unha papatoria das de toda a vida, das de sempre, das que non se perden, á sombra dos castiñeiros que bordean a "aira" municipal. E sobre todo, xente ilusionada traballando a facer país.

P.D. E non creades aos de LVG que a anunciaban para a semana pasada, simplemente é que non saben ler un cartaz. O día 9 segamos e medeiramos, o 17 erixiuse a meda e pola noite asistimos á representación de "Pan", unha obra que Voltaedalle está a levar por todo o país.

09/07/2008

Ler (2ª parte)

Xa non é só o contido -que tamén. Que pouca preocupación pola lingua se detecta en certos textos e autores! Cabería pensar que quen vai confiar ao prelo (e á crítica dun elevado número de lectores) unha obra con pretensións de calidade, ten un mínimo interese por expresarse do mellor xeito posíbel. Isto non debería orixinar debate ningún. A que creto pode senón aspirar un escritor? Debe ser mestre das súas palabras como se lle imaxina mestre das súas historias, non é? Aí é onde demostra o seu respecto polo idioma que o fai ser quen é, e polos futuros receptores da súa mensaxe.

19/06/2008

Ler

Para escribir xa están os outros, os que cren que teñen algo que dicir, para que os queiran, á procura do tempo perdido, por acadar prestixio literario, para ser un éxito de vendas, por convición política e transformadora... Os escritores choran polo seu recoñecemento. E os lectores?
Nunha entrevista Constantino Bértolo di: "... entiendo que la literatura, por ser discurso público, contiene como elemento constituyente un pacto de responsabilidad entre el autor que hace públicas sus palabras y esa comunidad que es la depositaria de las palabras colectivas. Sucede sin embargo que en el actual sistema social y con las concretas relaciones sociales que le son propias, ese pacto de responsabilidades ha devenido en simple pacto mercantil que el precio resume: yo pago, tu compras, traduciendo a un aparente juego entre pronombres personales toda una estructura social, la capitalista en nuestro caso, que condiciona el contenido real de ese mercado y de ese yo y de ese tú que sin embargo se viven como libres. En este escenario solo cabe decir que se escribe para ese mercado en el que los editores detentan, a través de sus medios de producción, la capacidad para decidir que discursos privados pasaran a discursos públicos y cuales no."

"Literature is the art of writing something that will be read twice; journalism what will be grasped at once" dixera o crítico e editor Cyril Connolly.

Son unha lectora pobre e libre. Só merco libros que xa lin unha vez e que quero volver ler: ou sexa, literatura. Os que non sempre gañan concursos nin están nas bibliotecas. Nutrídeme!

12/06/2008

Gatiños

A primaveira na Chaira é fertilidade a esgalla. Este ano trouxo estas 5 marabillas para as que teño que buscar casas de acollida desde agora mesmo. Voluntarios?

06/06/2008

Mulleres de carne e letras

O blog de Caneiro e a súa Bovary fanme lembrar á que para min foi máis impactante (alén que un século máis vella) Princesse de Clèves e a elaborada personaxe con conflito razón-emoción-imaxe pública. E así como quen non quere a cousa chego a este comentario de Estíbaliz Espinosa con quen estou en desacordo porque non teño curiosidade por lle poñer cara aos autores dos textos que leo, escriban en soporte papel ou cibernético. Unha das grandes eivas de foros e blogs é a frecuente tentación de identificar e acribillar aos contertulios en lugar de se concentrar nas ideas.

05/06/2008

Lavados do mar

Chuza! só recolle a puntiña do iceberg:
non-e-bo-dar-axudas-ao-sector-e-ainda-asi-o-estamos-facendo
bruxelas-declara-ilegais-as-axudas-que-francia-destinou-as-suas-empresas-pesqueiras-para-compensar-os-prezos-do-gasoil
milheiros-de-pescadores-protestam-em-madrid-para-exigir-medidas-contra-a-suba-dos-precos-do-gasoleo
o-berbes-bate-records-de-vendas-un-luns-pese-ao-paro-da-flota
os-pescadores-advirten-que-a-partir-do-16-de-xuno-non-habra-comercializacion-de-peixe-en-todo-o-pais
a-frota-protesta-en-ribeira

Sendo do interior e pouco coñecedora da economía do mar, só me queda preguntarme con desconfianza se a suba do petróleo vai servir de pretexto para unha reconversión brutal da pesca para maior beneficio dos armadores. Como cando despois do 11-S todas as compañías aéreas aproveitaron para largar persoal coa desculpa (falsa) de que baixara o número de pasaxeiros. Está claro que a prensa presiona aos políticos para ceder á chantaxe.

04/06/2008

felices? o que?

Ser feliz é, no fondo, conformarse. Estomballarse, langranear e runrunear como un gato son actividades pracenteiras pero non enchen a un como o desafío e a superación. O que nos insatisface, e o que facemos para mudalo, é o que nos define como persoas. Aí está o engado do consumismo feroz tentando facer crer que acumulando bens aplacamos esa ansia. A educación debería ser unha mayéutica construtora de individuos que preguntan e procuran respostas. Pero na meirande parte dos casos os propios fillos son bens de consumo para satisfacer a imaxe que queremos que a sociedade teña de nós. Esquecendo que a manipulación defectuosa da mercaduría anula a garantía de devolución.

20/05/2008

Lingua acó e acolá

Na semana das Letras (Galegas, enténdase) hai quen redixe voluntariosos manifestos, algún escéptico que os critica, a anécdota simpática, o lamento anti-musealización institucional, a opinión práctica... unha supermanifa...

Normalizar unha lingua consiste en facer do seu uso algo habitual, natural, cotiá. Nin unha expresión de rebeldía nin unha homenaxe patriótica. Unha ferramenta de comunicación. E iso esixe un esforzo constante por mellorar o dominio que temos dela, día a día. Con sorte, como no meu caso, cun profesor particular de galego correcto.

09/05/2008

Sigo guerrilleira

Será cousa da primavera, que me altera...

Un poeta namorou, e para outro
cortou a branca rosa que el amaba.

Puidolle dar raíces para ela
medrar esplendorosa na súa casa.
Puido darlle unhas ás para que voase
lonxe de quen a libertara.


Deixou que a pobre rosa esmorecese
na pútrida auga presa nunha xarra.


Gloria ao xenio do poeta!

07/05/2008

Desbarres blogueiros

A palla mental orixinal é de tipo esencialista, procede do debate portuario (2ª entrega) sobre a utilidade dos blogs. Non creo na potencialidade dos blogs, nin da literatura, nin de ningunha forma de arte, como transformadores da sociedade. En calquer caso, poderán contribuir na conmoción dalgúns individuos, moi poucos, capaces de superar a barreira do 28%.

A palla mental derivada é existencialista e relacionada coa miña visión de internet, da vida, como unha infinda rede de opcións que nos levan a pasar por uns avatares ou outros e a facer de nós o que somos. Como naqueles libros de aventuras múltiples a elexir.