Mostrar mensagens com a etiqueta vida. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta vida. Mostrar todas as mensagens

29/12/2016

Arqueoloxía dun armario

Os mobles de estilo Louis-Philippe prosperaron entre a burguesía francesa de mediados do século XIX. Estou a recompoñer un armario que leva moitas xeracións na familia.
Ao ir quitando capas de roña e engadidos vou descubrindo a estrutura de nogueira orixinal. Inicialmente debía ter tres andeis de lado a lado, coa madeira vista. A primeiros do século XX foron revestidos con papel texturado de cor parda, do que se usaba para as paredes. A mediados de século aserraronos pola metade para poñer un colgador. A finais dos anos setenta forraron de novo os andeis, cun vinilo adherente branco estampado de puntiños vermellos.

Nunha mudanza posterior perdéronse as patas. Estes últimos anos ía pousado directamente no chan, que tampouco lle acae mal. Estou eliminando os listóns e divisións interiores de madeira de abeto que lle engadiran con parafusos gordos de máis, actualmente enferruxados. Por dentro respectarei o único andel orixinal que fica enteiro, e dareille operatividade cun sistema Algot de Ikea antes de que o descataloguen.
A madeira (nogueira) non vai vernizada, hai que lle dar periodicamente unha masaxiña con cera de abella.

12/12/2016

Conservas de zamburiñas

Para a receita de canelóns (dá para uns 24 canelóns, ou sexa 4 racións) fan falta 3 latas de conservas de zamburiñas. Decidín experimentar e merquei tres marcas distintas (envasadas en Galicia, iso si: a primeira en Camariñas e as outras en Vigo).
  
Boya indica un peso neto de 111 gr, escurrido de 60 gr. Orbe indica 113 gr de peso neto e 63 gr de peso escurrido. Vigilante indica un peso neto de 115 gr e 72 gr de peso escurrido. En realidade, Boya traía 20 zamburiñas, e nas outras dúas latas viñan 12 unidades en cada, todas dun calibre similar. O prebe de Vigilante era o máis aceitoso dos tres. No futuro, xa sei por que marca me decantarei.

26/05/2016

Subscribo

(Visto nunha libraría de Compostela)


26/05/2015

A marexada varre o lixo

Como polo Lume Novo de 2014 en Riazor (eles chámano San Juan).

http://mareatlantica.org/

http://compostelaaberta.org/

Neste recuncho da Chaira só se presentaban dúas listas, e pasamos disto:
a estoutro:


02/01/2015

Torta de queixo fresco, noces e marmelo

Combinei estas tres receitas:
http://www.recetatartadequeso.com/TartaDeQueso/TartaDeQuesoConMembrillo/TartaDeQuesoConMembrillo.html

http://sevilla.abc.es/tusrecetas/recetas/andalucia/tarta-de-queso-con-membrillo.html

http://elnidodemamagallina.blogspot.com.es/2012/06/tarta-de-queso-y-membrillo.html

O molde era enorme, así que fixen unha cantidade grande. Puxen papel film entre as paredes e o fondo desmontable. Gastei case 200 gr de galletas e 100 de manteiga para o crocant do fondo. Para outra vez, moereinas máis e así precisarei de menos cantidade (quedoume un grosor de algo máis de 0,5 cm). Quedou uns minutos no conxelador mentres preparaba a crema.
Usei 4 follas de xelatina disoltas nun vaso de auga fervendo, 400 ml de nata, 400 gr de queixo de untar e 4 culleradas grandes de azucre. Debería ter aumentado algo a proporción de xelatina: a  masa quedou cremosa pero podería estar algo máis callada ao final. Engadín uns anaquiños de noz sobre o fondo, que ao botar a crema aínda en estado líquido saíron a flote. Enchín o molde até os bordes o que foi algo arriscado para trasladalo á neveira mentres a masa aínda estaba líquida.
Derretín nun cazo uns 400 gr de marmelo caseiro (en realidade, dóce de marmelo, pera e mazá) e deiteino por riba da torta unha vez callada.
O resultado foi moi saboroso pero para o meu padal, dóce de máis. Para outra vez botarei menos marmelo ou, no canto deste, usarei a xalea de froitos vermello que é algo máis aceda.
O resultado foi moi saboroso pero para o meu padal, dóce de máis. Para outra vez botarei menos marmelo ou, no canto deste, usarei a xalea de froitos vermello que é algo máis aceda. A foto que saquei da torta está borrosa, pero non a podo repetir porque non quedou nin unha faragulla.

22/12/2014

Nova lei do IVE para contidos dixitais contribúe ao monopolio de Amazon

Coa idea de facer que Amazon pague en cada país da Unión Europea o IVE que lle corresponde a cada comprador segundo onde resida, entra en vigor a partir do 1 de Xaneiro unha nova normativa. En teoría, faise a petición dos minoristas europeos que se queixaban da competencia desleal por parte dunha empresa centralizada en Luxemburgo, a que só se lle gravaba cun 3%.
Na práctica, está a se favorecer o monopolio de Amazon respecto das pequenas distribuidoras. Varios autores aos que lles compraba directamente documentos en pdf acaban de anunciar que deixarán de vender a clientes europeos, xa que non poden asumir o papeleo de se dar de alta en cada estado da UE para pagar trimestralmente o IVE de cada un. Ou sexa, que haberá que pasar polo aro de Amazon, que si ten loxística para iso.

Edito para engadir o enlace dun artículo que o explica mellor ca min:
http://jmalarcon.es/post/El-IVA-en-2015-un-palo-mas-en-la-rueda-de-los-emprendedores-digitales.aspx

http://www.tecnoxplora.com/empresas/amazon-cobrara-iva-cuando-compres-ebook-pero-2015_2014021300343.html

http://www.actualidadeditorial.com/europa-iva-ebooks-nueva-directiva/

http://conexion.publidisa.com/2012/07/18/la-subida-del-iva-destroza-la-estrategia-editorial-de-vender-e-books%C2%B4mas-baratos/

 http://cultura.elpais.com/cultura/2014/06/26/babelia/1403785056_602371.html

04/07/2014

Lego

Chegoume ao correo unha campaña de Greenpeace para reclamarlle á empresa LEGO que deixe de promocionar nos seus xoguetes a imaxe da petroleira Shell, a causa dos proxectos de prospección no Ártico. Como se o de Shell non viñese de atrás, co mangoneo que se trae en África Occidental, por exemplo.

O motivo deste post, porén, é outro. LEGO non é o que era. Fiquei horrorizada este Nadal, cando procuraba agasallos para a familia. Os seus produtos favorecen cada vez mais o sexismo, con kits de castelos/princesas en caixas rosa para as nenas, kits de exploradores e bombeiros para os nenos, en caixas azuis. Mirando a sua web o primeiro que destacan son as comercialadas baseadas en películas e videoxogos de imaxe propietaria, instando ao consumismo. Nada que eu queira fomentar nas próximas xeracións.




03/12/2013

Resgate

Non teño complexo de Merkel, é que via este blog, deume por me intesar por esta herdanza chea de arañeiras.

Nesta táboa vexo que data de 1924 e nestoutra web que debe de ser unha Singer modelo 28. A ISMACS tamén ten táboas ben xeitosas para identificar estes trebellos.
Así que vou rabuñar a VISA e mercar o manual antes de me poñer a limpar e frotar.
Edito porque atopei gratis o manual na páxina oficial de Singer USA, un foro fabuloso de freaks das máquinas vintage, e unha serie de vídeos en Youtube para poñer a punto o trebello (o modelo que usa é o 128, que só difire da miña máquina no enchimento da bobina).

12/05/2012

Primavera vexetal (2)

Despois dun mes de chuvia, ao subiren as temperaturas a hortiña está a espertar. Florean a clemátide e mailo marmeleiro (cerdeiras, pexegueiros, pereiras e maciñeiras perderon xa a flor). Hai leitugas para apañar e outras para transplantar. Naceron os chícharos, pero aínda teño que protexer as tomateiras con botellas recicladas pola frescura das noites. No mini-invernadoiro agardan as pementeiras, as berenxenas e as cucurbitáceas (cabazas, cabaciñas e cogombros), máis friorentas. Onte sementei as xudías, xa que me informou unha veciña de que era a lúa que máis lles acaía (minguante).
Atopei por fin sementes de lavanda e de cilantro, que vou botar no invernadoiro que teño no despacho da universidade.

Primavera vexetal (1)

Comezou ao florearen os bulbos, aló pola San Xosé, cando a Chaira era néboa e sol.




27/03/2012

Agasallos con xeito



Veño de pasar pola tenda de Pórtico, e tiñan por 1 € fermosos kits de 2 marcapáxinas magnéticos con imaxes de Galicia. Moito mellor recordo que as gaitiñas de xoguete!. Tamén hai por 7,50€ caixiñas metálicas que conteñen surtidos de autocolantes con fotos semellantes.

04/03/2012

Ensaladas

Ando buscando na rede consellos para escoller as variedades máis axeitadas. Até agora déranseme ben a Raíña de Maio para primavera, Marabilla das catro estacións para o verán, e Trocadero e escarola para o outono-inverno. Sábenme as leitugas que acogollan e con folla manteigosa (as iceberg non valen nada). Na casa prefiren as escarolas e rúculas.

Veño de mercar sementes de Foglia di quercia e Marabilla de verán canasta, así como un surtido de achicorias.

05/02/2012

Plus on est fous...


As labores xa non son "do fogar". Acadan dimensións reivindicativas nunca vistas.
Visto en disquecool, vía praza.

05/06/2011

Entre hortas e portas


Podería facer un cento de citas sabichonas para introducir este artigo. O caso é comentar a miña admiración e agradecemento pola obra primeiro cibernáutica e agora por fin impresa en papel de Xosé Manuel González, "Entre hortas e portas". Antonte foi presentada con grande éxito de público na Galería Sargadelos de Lugo.
María atesouraba no corazón a memoria do seu fillo (cita bíblica sabichona nº1). Hai xente con ese don, como a miña tía Fini. Con reminiscencias indelebles de xentes e feitos, que non tesauriza nin agocha baixo o colchón, senón que comparte e multiplica. No mundo fantástico de "Temblor", Rosa Montero imaxina un sistema baseado no culto do Cristal e na transmisión dos recordos dunha xeración a outra.
Xosé Manuel González achéganos unha "lembranza e efusión lucense". Atesoura, comparte, transmite o pulso vital dese grande e antigo organismo que é a cidade de Lugo, a través dos seus barrios e os seus habitantes.

17/05/2011

Lois

Atopeino primeiro nos seus poemas. Cando me refuxiei na veciñanza dos caladiños, na casa familiar de Xunto á Igrexa, Poesía última de amor e enfermidade debeu ser un dos primeiros libros que collín emprestados na biblioteca pública municipal.

11/04/2011

Alta cociña do alto imperio

Outra das miñas aficións de maruxa é a cociña: chámanme máis os escaparates de bazares e ferraxerías que os de roupa. O meu próximo "xoguete" vai ser unha máquina de pasta.

Gústame experimentar cos sabores e as texturas. Non desboto xogar un pouco a mesturar as cazolas pola miña outra afición, a historia, por exemplo reproducindo receitas de hai 2000 anos.

Algúns dos ingredientes proceden da miña horta, que axiña hei complementar con novas plantiñas mercadas na rede.

15/03/2011

Labouras

Dacabalo do vento, do mar á chaira, este inverno estivo ben movido. Pasar semanas enteiras de enfermeira ponme a ansiedade polas nubes, menos mal que son maruxa abondo para entreter as mans con calceta.


Pero antes da primavera chegar (úlese no ar), hai que controlar as andanadas de silveiras contra o muro do fondo, aí onde o enorme carballo pousa as pólas mais pesadas. Para a miña alegría descubrín que cada vez hai máis madreselvas: xa avento os seráns de verán perfumados a conciencia.

14/03/2011

Lectores


50 libros lidos ao ano poden ou non constituír un reto; a estas alturas non me sorprende que haxa excépticos. Cando o vicio che ven da infancia é difícil de resistir. "Cuando haces pop no hay stop", sigo a pasar noites en vela cando a historia engancha. "Guerra e Paz" lino aos dez anos por desafío da bibliotecaria escolar, desbordada polas miñas demandas de máis e máis páxinas. De certo que son moi irregular: podo pasar semanas sen un libro e despois tirarme varios días de maratón lectora. Probablemente o meu principal límite sexa o económico: procuro mercar menos libros que os que leo; afortunadamente existen as bibliotecas e o bookcrossing. E o que máis me gusta dos lectores é compartir as nosas diferentes experiencias. Mesmo entre frikis da historia ou da mitoloxía.

As miñas lecturas.

13/03/2011

Twittear, bloggear ou que?

Xa non sei onde actualizar. Demasiadas posibilidades de publicación.

Un caixón de xastre, un caixón desastre... A. sempre rosma pola miña falta de orde. Supoñamos que este é o espazo axeitado para almacenar desbarres. Debo ser unha das últimas persoas do estado en admirar a retranca do heroe mediático de ferrolterra, Alfonso-Alfonso Tellado, de quen as intervencións no programa de Buenafuente bateron récords no Youtube.

http://www.youtube.com/watch?v=U-RtwfkFLZA&feature=player_embedded#at=14

http://www.youtube.com/watch?v=qVsM1KKXbLo&feature=player_embedded#at=351

http://www.youtube.com/watch?v=Lg0265e8bvY&NR=1

26/07/2010

Outra despedida


Adiós Chuza!, adiós fontes,
adiós Chíos e Fedello,
adiós foto do meu ollo,
non sei cando nos veremos!

(Para a porra de Orsinia, o último en postear no fedello foi Ghanito),