29/12/2016

Arqueoloxía dun armario

Os mobles de estilo Louis-Philippe prosperaron entre a burguesía francesa de mediados do século XIX. Estou a recompoñer un armario que leva moitas xeracións na familia.
Ao ir quitando capas de roña e engadidos vou descubrindo a estrutura de nogueira orixinal. Inicialmente debía ter tres andeis de lado a lado, coa madeira vista. A primeiros do século XX foron revestidos con papel texturado de cor parda, do que se usaba para as paredes. A mediados de século aserraronos pola metade para poñer un colgador. A finais dos anos setenta forraron de novo os andeis, cun vinilo adherente branco estampado de puntiños vermellos.

Nunha mudanza posterior perdéronse as patas. Estes últimos anos ía pousado directamente no chan, que tampouco lle acae mal. Estou eliminando os listóns e divisións interiores de madeira de abeto que lle engadiran con parafusos gordos de máis, actualmente enferruxados. Por dentro respectarei o único andel orixinal que fica enteiro, e dareille operatividade cun sistema Algot de Ikea antes de que o descataloguen.
A madeira (nogueira) non vai vernizada, hai que lle dar periodicamente unha masaxiña con cera de abella.

Sem comentários: