Mostrar mensagens com a etiqueta viaxes. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta viaxes. Mostrar todas as mensagens

10/11/2016

Mercats de Barcelona

O famoso é o das Boquería nas Ramblas, para o noso gusto turistificado de máis, Hai anos, a primeira vez que visitamos a capital decantámonos polo Mercat de Sant Antoni (unha obra sempiterna), onde descubrimos a feira Dominical de libros (e cromos, e discos) de segunda man e para coleccionistas.
A última vez decantámonos polo barrio de Gràcia. Collimos o costume de almorzar polos arredores do Mercat de la Llibertat, se cadra o máis pequeno da zona pero moi ben restaurado. O da Abacería é moito máis grande pero faille falta moita obra. A súa principal vantaxe é que nalgún posto baleiro hai un expositor de libros á vontade.



Con todo, para obxectos de ocasión, antigüidades e teíñas, o mellor son os Encants de Glòries.


15/08/2016

A brétema papou a Torre de Hércules

Quen se achegase á Coruña esta mañá había de levar unha boa sorpresa: desaparecera a Torre de Hércules. Por un curioso fenómeno os bancos de néboa concentráronse de tal xeito na contorna do monumento que, fose cal fose o ángulo desde o que se tentase albiscar o faro, era imposible. Estas fotos tomeinas desde a estatua de Breogán e desde San Xosé.

20/02/2015

Catalunya, una altra vegada

Chegaremos pola noite, pero hai Aerobus até as 00:30 h para chegarmos á Praza de Catalunya (5,90 €). Alí mercaremos o bono de transporte de 10 viaxes e coas liñas L6 ou L7 dos trens da Generalitat achegarémonos á parada de Gràcia que está a poucos metros do noso hotel. Outra opción é o tren de cercanías R2 que nos pode deixar en Sants ou no Passeig de Gràcia (4,10 €).

O venres pola mañá, pasearemos polo Eixample. É imprescindible coñecermos algún mercado popular de barrio. Desta vez ímonos decantar polo de l'Abaceria Central, no corazón do barrio de Gràcia, que nos ten namorados (e non só polas librarías). Pola zona está tamén o Mercat de la Llibertat (na praza do mesmo nome).

 
Nalgún momentiño faremos unha escapada á libraría Alibri, o paraíso dos frikilólogos. Polo serán visitaremos as nosas amigas no CAOC e tomarémoslles unhas no Jan Petit.

O sábado pola mañá poderíamos comezar polos Encants de Glòries, que ten de todo. Acompañaranos o noso amigo Ramón, que se cadra nos pode indicar un bon sitio para xantarmos.

Pola tarde, se nos presta e dá tempo, poderíamos achegármonos ao Museu Nacional d'Art de Catalunya (gratuíto os sábados desde as 15:00 h, pero pecha ás 18:00 h en horario de inverno). Aínda que só fose polas coleccións de arte románica. A modo de aperitivo, o seu web ofrece estes interesantes percorridos virtuais.

Estamos perto da estación de Sants para collermos un tren para Reus. Ás 17:33 h sae un expreso R14 que chega ás 18:52 h (1 h 19 min de traxecto, 9,55 €). O seguinte é o R15 das 19:06 h que chega a Reus ás 20:50 h (1 h 44 min de traxecto, 8,40 €).

Os nosos amigos xa nos teñen planificada a estadía no Baix Camp. Ao parecer o domingo imos visitar Santes Creus e degustar unha imperdoable calçotada. A ver que nos reservan para o luns e o martes pola mañá.

Para volvermos de Reus ao aeroporto de Barcelona, autobuses Plana sae ás 13:25 para chegar ás 16:05 h ou sae ás 15:55 h para chegar ás 18:35 h á T1 (2 h 40 min de viaxe, 14,95 €). No tren (Rodalies de la Generalitat) teríamos que saír de Reus no R15 das 16:14 h, facermos trasbordo en Sants e chegaríamos ao aeroporto co R2 ás 17:57 h (1 h 43 min de traxecto, 8,40 €). O noso voo sae ás 19:40 h da Terminal 1, para estarmos en Coruña ás 21:25 h.

30/11/2014

Galicia para cruceiristas

No foro de maruxas americanas que sigo atopei o link destoutro, unha rede social onde comparten experiencias guiris de todo o mundo, con consellos para viaxaren en cruceiro. Picoume a curiosidade e andiven a procurar as opinións que intercambiaban a propósito de Galiza. Haiche xente ben espilidiña polo mundo, e non falo dos turistas, senón das empresas que ofertan excursións sen respaldo legal. Guías sen licenza que se publicitan finxíndose xubilados de California. E algún xornalista blogueiro. E algunha web que ten a Torre de Hércules como monumento menos valorado da Coruña, e unha lista de atractivos ben limitada para Compostela. E algún peregrino organizado ou organizada. Mundiños estes.

11/11/2014

Costa da Morte

O itinerario sae da Coruña pola autovía de Carballo (AG 55) que continúa pola estatal N-552, pero imos apartar en Coristanco cara Santa Catalina/Santa Comba para achegármonos á costa pola AC-400, unha estrada secundaria en moi bó estado, con grandes tramos rectos e, sobre todo, unha grande riqueza paisaxística. Pasado Pino do Val comezamos a enxergar a liña de costa, e por entre as eólicas de Paxareiras albiscaremos cabalos selvaxes pacendo entre os toxos e piñeiros.
Falta pouco para chegarmos á vila mariñeira de Muros, co seu porto e as estreitas rúas que soben cara a igrexa de San Pedro. Levamos xa hora e media de coche, é tempo de dar un paseo.
 De Muros a Fisterra seguramente faremos algunha parada, se cadra en Louro, Carnota ou o Pindo.
En Fisterra cómpre pasear polo peirao (hai un tasco enxebre no que non desboto tomar un bocadillo de luras) e camiñar até o faro.
Segundo como se presenta o día (meteoroloxicamente falando), hai dous percorridos que me gustan para seguir un tramo da costa. Un deles sae de Fisterra pola praia do Rostro, Lires, Nemiña, Touriñán, a punta da Voutra e Muxía. Hai unha pista asfaltada. O outro percorrido consistiría en ir de Muxía a Camelle por Camariñas, Cabo Vilán, Cemiterio dos Ingleses, Praia do Trece e Arou. Aínda e máis enxebre, pero hai dez anos que non vou e a pista que lembro non estaba asfaltada.
Nesta altura do ano, o lusco-fusco comeza ás 6:00 da tarde, así que daría tempo a ver pouco máis.

25/02/2014

Catalunya 2014

Temos pouco tempo, pero pensamos aproveitalo ben: un par de días en Barcelona (mercat de Sant Antoni, libraría Alibri, e se nos dá tempo o Museo de Historia de Catalunya ou o Museo National d'Art de Catalunya), e outro par de días para descubrirmos Reus e o seu rueiro, Tarragona, Poblet e Cambrils. De novo quedo sen poder ir aos Encants.
Googlear ten o vicio de propor alternativas moi interesantes, coma estes itinerarios pola Catalunya central.

13/09/2013

Galiza Sur e feiras culturais

O Culturgal e maila Feira do Livro de Braga abren as súas portas o 29 de Novembro. Habemos aproveitar a viaxe para visitarmos (segundo o tempo meteorolóxico e cronolóxico o permitan):

RUTA 1: Póvoa de Varzim, Vila Nova de Famalicão, Vila do Conde
En Póvoa de Varzim (mapa): o Monte da Cividade nas costas da vila, a Fortaleza na beiramar, e no centro o Pelourinho manuelino, a Igreja Matriz, a Igreja das Dores e a Igreja-farol da Lapa. O  30 de Novembro é a romaría dos pescadores en Santo André en Aver-o-Mar. Celébrase todolos luns unha feira nas Moninhas. (Mirar a artesanía téxtil: liño, mantas de trapos...)

En Vila do Conde (mapa): enorme patrimonio monumental, destacando o convento e o acueducto de Santa Clara, a Igreja-Matriz manuelina e o Forte da Assunção. A Rota dos Mosteiros inclúe o da Junqueira e chega até a igrexa románica de Rio Mau, que xa visitamos da última vez.

En Vila Nova de Famalicão: Castros das Ermidas e das Eiras (coa Pedra Formosa), Mosteiro medieval de Landim, Igreja templaria de Santiago de Antas, casa de Camilo Castelo Branco, Museu da Industria Téxtil.


RUTA 2: Vila Real, Amarante, Lamego
En Vila Real (roteiro turístico en pdf ou estoutro): Igreja de São Domingos (Sé), Pelourinho, Casa do navegador Diogo CãoSolar de Mateus, Torre de Quintela en Vila Marim.





En Amarante e val do Tâmega (lista monumentos): Ponte e Mosteiro de São Gonçalo, Igreja São Domingos, a igrexas da Rota do Románico do Mosteiro de Travanca, de São Martinho de Mancelos, de Santo André de Telões, do Salvador do Freixo de Baixo, do Salvador de Lufrei, de Gondar.

En Lamego: a , o Santuário de Nossa Senhora dos Remédios, o castelo, a Igreja románica de Santa María Maior de Almacave,

25/07/2012

Sendeirismo virtual

Ando a navegar na procura de materiais. Pode que retome a idea de publicar as rutas favoritas do meu pai. En Galicia, deseñábaas el; para outras zonas guiábase pola revista Aire Libre. Coas novas tecnoloxías, pregúntome como funcionará o proxecto wikiloc. Veño de descargar o Viewranger no móbil, a ver se me sei manexar con estas trangalladas de apps para smartphones.

No Mandeo, en particular desde Chelo, saen as rutas SM10, SM11, SM 12. Ou polo Eume. Polo Sor tamén as hai doadiñas.
Señalización. M.I.D.E.

28/10/2011

Preparando o Lima

En Decembro seguiremos o Lima.

En Viana do Castelo hai mercado en venres. Supoño que faremos de Ponte do Lima a nosa base de operacións, malia que cheguemos tarde para o Festival de Jardins. Sempre nos quedará a paisaxe natural protexida.

Preparando a Garrotxa

Para a próxima primavera, toca a Garrotxa.

Que pracer camiñar por este espazo volcánico da Rede Natura 2000! O centro da comarca é a vila de Olot, pero téñolle especialmente ganas a Castellfullit de la Roca e á súa contorna.




12/01/2010

A vergoña de Richelieu



Despregamos o mapa turístico para deseñar o itinerario de mañá. Un debuxiño atrae a mirada de N. "A catedral de Luçon é gótica?" As súas veas de canteiro latexan aceleradamente. A anfitrioa fica pampa, sen saber responder. "Averiguarémolo."

A primeira hora (máis ben a segunda, porque P. tivo que volver á casa polo abrigo que deixara pendurado na súa funda) saímos pola costa na procura da miña teima, os pantaláns de pesca que lembraba da miña infancia. Non demos con eles senón cos produtores de ostra traballando a tope para encher as últimas bourriches con destino ás enchentes de Noiteboa. A paisaxe atlántica francesa é chá, chá, como só o poden ser os territorios submerxidos moitos milenios. As aldeas distínguense a kilómetros polas frechas dos seus campanarios. O da catedral de Luçon é especialmente alto.

"Parece gótico" afirma N. Concordo con reservas. O lateral da igrexa é románico, a fachada barroca. O campanario, decididamente, ten que ser posterior. "Neogótico!" A N. tanto lle ten. Xa está a fotografar como un xaponés ansioso todos os detalles, mentres os demais entramos. Vidreiras de todas as épocas nas ventás góticas orixinais, altar barroco como o púlpito desprazado onde predicou Richelieu, daquela apenas bispo. "Tamén hai claustro!" Creo que foi A. a primeira en ir cara alí. Ao chegarmos canda ela ficamos estarrecidos. As devotas armaron un belén a tamaño natural: baixo as oxivas, vestidos de cores rechamantes están a nos sorrir un grupo de manequíns oitenteiros.

14/10/2008

Lembranzas de Lisboa



Anda un amigo por aló e pide recomendacións. Que lembranzas! As longas xornadas na BTL, precedidas por carreiras de exploración aproveitando o abono dos Carris, reptando por costas imposíbeis cun cargamento de polisóns que enganchaban o tranvía ao saíren da escola. Para ir á FIL pasaba por baixo da Ponte do 25 de Abril e a liña remataba en Belém.
As visitas románticas á Estufa Fría e o Museu do Azulejo. O fermoso claustro que sempre pillei en obras: disque hai achados romanos de grande valor, eu sempre ficaba admirada pola tumba gótica dunha rapaza representada cun libro aberto, enfrascada na súa lectura e allea aos seus cadeliños que xogan coas cabezas decapitadas duns pitos que o seu señor pai andará a comer.

E un solpor desde Graça...

O recordo máis fondo, o bacallau á Alentejana compartido coa Condesa Dona Teresa, señora andaluza do Pazo de Vilabade.