Mostrar mensagens com a etiqueta natureza. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta natureza. Mostrar todas as mensagens

15/08/2016

A brétema papou a Torre de Hércules

Quen se achegase á Coruña esta mañá había de levar unha boa sorpresa: desaparecera a Torre de Hércules. Por un curioso fenómeno os bancos de néboa concentráronse de tal xeito na contorna do monumento que, fose cal fose o ángulo desde o que se tentase albiscar o faro, era imposible. Estas fotos tomeinas desde a estatua de Breogán e desde San Xosé.

26/04/2016

Un espectador vulnerable (polbos nas Cíes)

No programa Efervesciencia do pasado domingo, chamoume a atención a presentación do vídeo do proxecto Cefaparques do CSIC, unha investigación sobre os cefalópodos que se explotan comercialmente no noso país. Das máis de 180 horas de filmación en alta definición, condensaron as imaxes nunha espectacular reportaxe.


18/10/2015

Outono chairego

Comezan a mudar as cores e a caeren as castañas.



11/11/2014

Costa da Morte

O itinerario sae da Coruña pola autovía de Carballo (AG 55) que continúa pola estatal N-552, pero imos apartar en Coristanco cara Santa Catalina/Santa Comba para achegármonos á costa pola AC-400, unha estrada secundaria en moi bó estado, con grandes tramos rectos e, sobre todo, unha grande riqueza paisaxística. Pasado Pino do Val comezamos a enxergar a liña de costa, e por entre as eólicas de Paxareiras albiscaremos cabalos selvaxes pacendo entre os toxos e piñeiros.
Falta pouco para chegarmos á vila mariñeira de Muros, co seu porto e as estreitas rúas que soben cara a igrexa de San Pedro. Levamos xa hora e media de coche, é tempo de dar un paseo.
 De Muros a Fisterra seguramente faremos algunha parada, se cadra en Louro, Carnota ou o Pindo.
En Fisterra cómpre pasear polo peirao (hai un tasco enxebre no que non desboto tomar un bocadillo de luras) e camiñar até o faro.
Segundo como se presenta o día (meteoroloxicamente falando), hai dous percorridos que me gustan para seguir un tramo da costa. Un deles sae de Fisterra pola praia do Rostro, Lires, Nemiña, Touriñán, a punta da Voutra e Muxía. Hai unha pista asfaltada. O outro percorrido consistiría en ir de Muxía a Camelle por Camariñas, Cabo Vilán, Cemiterio dos Ingleses, Praia do Trece e Arou. Aínda e máis enxebre, pero hai dez anos que non vou e a pista que lembro non estaba asfaltada.
Nesta altura do ano, o lusco-fusco comeza ás 6:00 da tarde, así que daría tempo a ver pouco máis.

23/03/2014

Primavera ou engano?

Florearon os bulbos e están a nacer os chícharos pero... Van durmir coa manta térmica por se acaso.

13/09/2013

Galiza Sur e feiras culturais

O Culturgal e maila Feira do Livro de Braga abren as súas portas o 29 de Novembro. Habemos aproveitar a viaxe para visitarmos (segundo o tempo meteorolóxico e cronolóxico o permitan):

RUTA 1: Póvoa de Varzim, Vila Nova de Famalicão, Vila do Conde
En Póvoa de Varzim (mapa): o Monte da Cividade nas costas da vila, a Fortaleza na beiramar, e no centro o Pelourinho manuelino, a Igreja Matriz, a Igreja das Dores e a Igreja-farol da Lapa. O  30 de Novembro é a romaría dos pescadores en Santo André en Aver-o-Mar. Celébrase todolos luns unha feira nas Moninhas. (Mirar a artesanía téxtil: liño, mantas de trapos...)

En Vila do Conde (mapa): enorme patrimonio monumental, destacando o convento e o acueducto de Santa Clara, a Igreja-Matriz manuelina e o Forte da Assunção. A Rota dos Mosteiros inclúe o da Junqueira e chega até a igrexa románica de Rio Mau, que xa visitamos da última vez.

En Vila Nova de Famalicão: Castros das Ermidas e das Eiras (coa Pedra Formosa), Mosteiro medieval de Landim, Igreja templaria de Santiago de Antas, casa de Camilo Castelo Branco, Museu da Industria Téxtil.


RUTA 2: Vila Real, Amarante, Lamego
En Vila Real (roteiro turístico en pdf ou estoutro): Igreja de São Domingos (Sé), Pelourinho, Casa do navegador Diogo CãoSolar de Mateus, Torre de Quintela en Vila Marim.





En Amarante e val do Tâmega (lista monumentos): Ponte e Mosteiro de São Gonçalo, Igreja São Domingos, a igrexas da Rota do Románico do Mosteiro de Travanca, de São Martinho de Mancelos, de Santo André de Telões, do Salvador do Freixo de Baixo, do Salvador de Lufrei, de Gondar.

En Lamego: a , o Santuário de Nossa Senhora dos Remédios, o castelo, a Igreja románica de Santa María Maior de Almacave,

06/03/2013

Os camiños, patrimonio material e inmaterial

Carlos Nárdiz, nunhas xornadas do Consello da Cultura Galega en Compostela. El fixérame descubrir a conexión entre monumentos megalíticos e camiños. E é que existe toda unha rede de vías megalíticas que percorre o país. Cada civilización tivo un xeito de ocupar o territorio, e nesta época concreta transitábase polas penechairas. Entón canto camiñamos polas partes altas de Galicia atopamos dolmens e túmulos que están aí porque previo a eles existía un camiño que percorría o territorio.
Máis unha razón para poñer as botas e andar, como foi proposto noutra volta. E culturizarse.

Editado para engadir as rutas homologadas e do románico por #lamejorprovincia.

25/07/2012

Sendeirismo virtual

Ando a navegar na procura de materiais. Pode que retome a idea de publicar as rutas favoritas do meu pai. En Galicia, deseñábaas el; para outras zonas guiábase pola revista Aire Libre. Coas novas tecnoloxías, pregúntome como funcionará o proxecto wikiloc. Veño de descargar o Viewranger no móbil, a ver se me sei manexar con estas trangalladas de apps para smartphones.

No Mandeo, en particular desde Chelo, saen as rutas SM10, SM11, SM 12. Ou polo Eume. Polo Sor tamén as hai doadiñas.
Señalización. M.I.D.E.

12/05/2012

Primavera vexetal (2)

Despois dun mes de chuvia, ao subiren as temperaturas a hortiña está a espertar. Florean a clemátide e mailo marmeleiro (cerdeiras, pexegueiros, pereiras e maciñeiras perderon xa a flor). Hai leitugas para apañar e outras para transplantar. Naceron os chícharos, pero aínda teño que protexer as tomateiras con botellas recicladas pola frescura das noites. No mini-invernadoiro agardan as pementeiras, as berenxenas e as cucurbitáceas (cabazas, cabaciñas e cogombros), máis friorentas. Onte sementei as xudías, xa que me informou unha veciña de que era a lúa que máis lles acaía (minguante).
Atopei por fin sementes de lavanda e de cilantro, que vou botar no invernadoiro que teño no despacho da universidade.

Primavera vexetal (1)

Comezou ao florearen os bulbos, aló pola San Xosé, cando a Chaira era néboa e sol.




04/03/2012

Ensaladas

Ando buscando na rede consellos para escoller as variedades máis axeitadas. Até agora déranseme ben a Raíña de Maio para primavera, Marabilla das catro estacións para o verán, e Trocadero e escarola para o outono-inverno. Sábenme as leitugas que acogollan e con folla manteigosa (as iceberg non valen nada). Na casa prefiren as escarolas e rúculas.

Veño de mercar sementes de Foglia di quercia e Marabilla de verán canasta, así como un surtido de achicorias.

03/03/2012

Trepadoras e pérgolas

As fachadas da casa e da palleira forman unha L, que quero cubrir cun emparrado. Pero estou pensando nunha Actinidia sostida por aramios, antes que unha vide, xa que a área está parcialmente sombreada. Disque aguanta as temperaturas baixas do inverno -téñoas vistas polos concellos de Castro do Rei e Pastoriza.

Porque até agora coas clemátides e xasmín non tiven sorte. E coa buganvilla non me atrevín aínda. A madreselva nace sola por toda a parede da finca, e a wisteria que me agasallou un veciño xa floreou o ano pasado.

Encántanme as trepadoras!Link

15/03/2011

Labouras

Dacabalo do vento, do mar á chaira, este inverno estivo ben movido. Pasar semanas enteiras de enfermeira ponme a ansiedade polas nubes, menos mal que son maruxa abondo para entreter as mans con calceta.


Pero antes da primavera chegar (úlese no ar), hai que controlar as andanadas de silveiras contra o muro do fondo, aí onde o enorme carballo pousa as pólas mais pesadas. Para a miña alegría descubrín que cada vez hai máis madreselvas: xa avento os seráns de verán perfumados a conciencia.

04/03/2008

Flor de Pexego


Flor de pexego, alma delicada.
Chegaron as cigoñas.

Cambio climático.

Vai nevar.

10/01/2008

Propiedade responsábel


Sobre a propiedade absoluta é un interesante artigo sobre a filosofía do "todo vale" nesta terriña nosa, e en particular no caso das comunidades de montes.
Fíxome reflexionar sobre a responsabilidade que temos para coas cousas que en teoría posuímos, tanto animadas como inanimadas, sobre a nosa conciencia e preocupación acerca do seu benestar e mantemento. O que fagamos delas pode ser legal e non ser lexítimo. Na miña terra viviron moitas xeracións humanas e animais, é o meu dereito disfrutala e o meu deber conservala para os que veñan despois. Valados, sebes e cancelas non son quen de deter o tempo.

19/04/2007

"progresa adecuadamente"

Hai que ver como tragan! Xa se lles están a endurecer as encías, pesan mais dun kilo e comezan a explorar o mundo que os rodea. Para a semana dareilles a probar alimentos sólidos. Sinto non poder ofrecer unha foto con mais definición, mais non paran (e o rabiño menos!).

28/03/2007

Pariu a avó


Perdín un negocio, esganei o coche, avariou o meu portatil habitual...
Rematando a faena pariu a avo, a miña vella cadela de 8 anos! E debeu enteirarse da lei de paridade porque viñeron 4 femias e 4 machos. Xa podo ir buscando familias de acollida...

11/03/2007

primaveira


No calendario faltan dez días. Na Chaira hai unha semana que chegou. Un pracer poder trasladar a oficina porque eu, como Anteo, recárgome de enerxía en contacto coa terra nutricia.

12/02/2007

Soliloquio dunha xacia


Ouh, río, lámbeme a pel, bícame a alma.
Dame as caricias do que se foi polo camiño sen retorno. Perfúmate de xarxa e tomentelo e alenta sobre min. E, se non me podes amar, agranda o peito, ven en enchente e berra. Berra e borra o meu pozo e a memoria de min, porque só o esquecemento é o perdón.

Marica Campo