Mostrar mensagens com a etiqueta cadeliños. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta cadeliños. Mostrar todas as mensagens

24/05/2009

Sementeira

Cadeliña ten seis anos e segue a ser Cadeliña, cariñosa e maternal con todos agás cos gatos aos que lles ten pánico. Todas as roldadas de cans e nenos da familia pasaron polos seus amantes coidados.
O que a ten alterada nas últimas semanas é o bruar dunhas máquinas roendo no monte de Ramil onde habitualmente lle foxen os corzos na fraga impenetrábel. Se acodise as reunións parroquiais sabería que están a abrir as pistas da concentración.
Finalmente púidolle a curiosidade e decidiu sair explorar. O que non tiña previsto foi que a acompañasen os filliños da Maia, catro cadeliños de apenas un mes con grande afecto e dependencia da súa nanny canina.
Descubrín a grande evasión pasadas un par de horas. Chovera a reo nos días anteriores e as novas pistas estaban enlamadas. Desde o cuarto onde estaba a ler chegábame o eco de laios animais. Calcei as catiuscas, crucei o pasteiro e o rego e cheguei á orixe dos saloucos: dous cadeliños entrampados nunha poza. Collinos nos brazos para lles dar calor contra o meu corpo e voltei a todo correr cara a casa para lles dar un baño quente, preocupada pola sorte do resto da tropa. Alimentados e secos, deixei os resgatados na casa e saín á procura dos outros. Chamando por eles cheguei á Granda. Fidel, á porta da corte, chamou por min:
"Xa sei por qué vés, pero non están aquí. Avisou Teixoeiras que lle apareceran na casa unha cadela e un cadeliño." As Teixoeiras son case a última casa da parroquia, está a uns 2 km. Saín fungando polo coche, a fume de carozo polas pistas, até a granxa onde Cadeliña paseaba como se fose da casa, co canciño enchoupado e acubillado contra a porta da cociña onde non lle deixaran entrar. Chimparon de ledicia ao me ver e escoitar. Cadeliña foi para o maleteiro e o pequecho, envolveito nunha toalla, entre os meus pés. Con todo, a miña preocupación ía en aumento porque seguía a faltar un dos cans, precisamente o máis guapiño que me habían vir buscar ao día seguinte.
A sorte foi que decidín volver pola estrada de Val de Calvos. Ao pé das casas xuntárase un corro de xente. Parei o coche para preguntar polo cadelo e alí estaba o coitado, no medio dos curiosos que se preguntaban quen tería as entrañas tan podres como para abandonar unha criaturiña tan xeitosa. Ao me recoñecer brincou de ledicia e adornoume o pantalón cunhas fermosas pegadas das súas poutas lamacentas. Fixen del outro fardelo nunha toalla seca e por fin voltei a casa xuntar toda a familia que a Cadeliña sementara.

02/05/2007

5 semanas e medrando

Botaron agudos dentiños e xa os están a estrear con piensos enchoupados en leite. O que mais traballo me da é enfornarlles na boca o raio do desparasitador, que fede a botica que me anoxa mesmo a min, coitados!

19/04/2007

"progresa adecuadamente"

Hai que ver como tragan! Xa se lles están a endurecer as encías, pesan mais dun kilo e comezan a explorar o mundo que os rodea. Para a semana dareilles a probar alimentos sólidos. Sinto non poder ofrecer unha foto con mais definición, mais non paran (e o rabiño menos!).

29/03/2007

Expectativas

Pasadas as primeiras 24h, pesados, lavados e mantidos. Os cadeliños teñen moitas semellanzas coa camada anterior (hai 2 anos). As fotos son dunha cria de 2 meses e doutra que gardei, agora adulta.

28/03/2007

Pariu a avó


Perdín un negocio, esganei o coche, avariou o meu portatil habitual...
Rematando a faena pariu a avo, a miña vella cadela de 8 anos! E debeu enteirarse da lei de paridade porque viñeron 4 femias e 4 machos. Xa podo ir buscando familias de acollida...