23/08/2007

O noso trigo, a nosa meda, a nosa malla






























O próximo domingo 26 de agosto, por 7º ano consecutivo a Asociación de Amigos da Feira de Castro de Rei celebrará a malla tradicional, na Praza Maior fronte o Concello, entre castiñeiros e boa xente. 700 mollos (unhas 3 fanegas) que nos levará mallar toda a mañá, seguidos dun xantar típico: sardiñas (de lata) cacholas e chourizos, pan caseiro de Veneranda e Ifigenia, queixo e marmelo, viño, café e augardentes. Agardámosvos!


(Edito para engadir o cartaz, grazas Anllo!)

15/08/2007

Morramos de fame para surtir os nosos autos

A ninguén parece preocuparlle que o prezo dos alimentos, de TODOS, esteña a subir de forma alarmante, para que os vehículos a motor poidan ser mais eficientes. O cultivo de diferentes vexetais para a producción de bioetanol está a disparar os prezos de moitos cereais, incluidos os propios ao consumo humano. Vai aumentar o prezo do pan por terceira vez nun ano, a ver o que tarda en repecurtir a suba dos forraxes na carne e o leite. E aínda houbo sorte que este ano a colleita é boa. A sega foi fantástica, o 26 de agosto mallaremos. No entanto, culturizámonos.

08/07/2007

Reintegr(acion)ismos

Se há lutas nas que não vou participar nunca, porque as considero "política de escaparate", são as guerras de grafias, os símbolos ou a territorialidade da Galiza. Há que saber distinguir entre a esência e as roupagens. A língua galega é um vencelho de comunicação entre galegos de coração. É uma convenção entre pessoas que aceitam umas regras para se entenderem. Os importantes somos nós, os que as usamos, e não as palavras. Nem os hinos, nem as leiras.
E assim arda Troia, vou escrever cada dia como me pete.

30/06/2007

Festas reivindicativas... ou non!

Hespaña se rompe e cada vez hai mais liberdade para que cada quen poida exercer a súa sexualidade. Con todo, non está de mais lembrar que non está todo gañado. Os heteros somos uns aborrecidos, non somos tan rexoubeiros para argallar estas festas reivindicativas.
Menos mal que nos quedan as romerías, festivais de música e papatorias populares.

Edito: en Santiago o próximo día 7 de xullo.

25/06/2007

Conto do Leituga

Apareceu nun seu comentario nas Uvas da Solaina, espero que me perdoe o uso non autorizado do seu texto:

Instituto urbano en Vigo, Coruña ou Ferrol, entre o centro e a periferia que se achega cada vez máis ao centro. Un profesor castelán-falante entra nunha clase de alumnos castelán-falantes (practicamente o 100%). El vén de falar en castelán coa súa mnuller, cos seus fillos, coa caixeira do súper, cos seus compañeiros. Fai o que fixo toda a vida, dende que era rapaz. Os seus alumnos falaron entre eles no recreo e só se escoitou algunha palabra galega -"carallo", "cona", "parvo"- nunha conversa desenvolvida toda ela en castelán. Talvez algún destes rapaces escoitou ese mesmo día algo de galego na casa, pero a maioría o único galego que escoitaron foron os ecos dalgunha emisión da TVG ou algún anaco de conversa no autobús. Tanto o profesor como eles utilizan habitualmente o castelán. Pero de pronto entran en clase e prodúcese unha transformación desas que, en relación cos políticos, adoita tildarse de "litúrxica". O profesor empeza a falarlle aos rapaces nun idioma que non lle resulta en absoluto estraño, que non descoñece, pero que tampouco é notoriamente o seu. Por suposto, comete múltiples erros sintácticos e léxicos, non coloca un pronome no seu sitio, deturpa os tempos verbais, utiliza incontables castelanismos e, se cadra para compensar, ata di "houra" en vez de "hora". De vez en cando, solta amplas parrafadas en castelán, coma se fose un descanso, e volve pouco despois a falar no idioma que lle resulta incómodo pero que é o legal. Ademais el está de acordo en que hai que "normalizar o galego".
Os rapaces, pola súa banda, escoitan con certa indiferencia. En realidade, dálles un pouco igual. Miran pola ventá. Fan que atenden. Algúns pásanse papeliños uns aos outros. "Bea está buenísima". "David está por mí". O que están desexando é que acabe a clase para poder aproveitar o tempo dedicándoo ao que verdadeiramente lles importa.
Soa o timbre. Rematou o paripé. Tras esta modesta pero imprescindible contribución á normalización do galego, o profesor é abordado por unha alumna máis ou menos aplicada e un pouco pelota que lle pregunta, en castelán, algo relativo á data dun exame. O profesor contéstalle, en castelán, e volve á sala de profesores, onde, eludindo a elección de "A Nosa Terra", lle botará un ollo ao xornal en castelán. Só un ollo á portada, pois enseguida chega un compañeiro que, en castelán, lle pregunta se non lle parece unha desfachatez a inciativa esa de "tangallegocomoelgallego".

Seguro que é unha visión realista. Pero por cada situación destas hai polo menos outra de profesor galego falante e alumnos galegofalantes que ven garantidos así os seus dereitos. Malia o que din por aí, o governo non está a impor unha língua, está a garantir uns coñecementos mínimos das dúas línguas oficiais na Galiza. Asegurar unha educación o mais completa posíbel malia a preguiza dalgúns ou o esnobismo doutros. Despois dos de tangallego e dos obxetores da educación para a cidadanía han chegar os creacionistas restrinxindo o acceso á información e formación dos mais novos. Aproveito para recomendar a visualización do video (49 min) "Línguas cruzadas", sobre a opinión que teñen da nosa fala os mozos na actualidade.

20/06/2007

Santa Liberdade

Non me refiro ao barco secuestrado e rebautizado por patriotas galegos. Falo do emprego capcioso que uns fanáticos fan deste termo para lles fechar portas aos seus fillos. Porque digo eu, para que estes que agora son meniños poidan un día escoller LIBREMENTE se se queren expresar en galego ou castelán deben recibir unha educación bilingüe, non?

13/06/2007

Visións

Qué terrible soedade, a lucidez. Ser a única que ve nun mundo de cegos, a única que sabe. Cal é a resposta, resignarse ou loitar? Quen lembra da queda de Troia a coraxe de Casandra, que afrontaba a verdade con afouteza e os ollos ben abertos, sabedora do horror que a agardaba (e maldita polos deuses). Cal é o sentido dunha voz que predica no deserto?

Edito mais unha vez para engadir a miña crítica do libro.

30/05/2007

Intimidade


En que momento da miña infancia os libros mudaron a definición de "ser vivo" que "nace, crece, se reproduce y muere" polo mais politicamente correcto "nace, crece, se relaciona y muere"? (Hai que se reproducir noutro ser para estar vivo? Ou basta con ir deixando en cada un dos nosos coñecidos un pouquiño de nós mesmos?)
Nun serán de far niente (por fin!), cun libro na man e unha gata preñe no colo, deume por pensar nas persoas con quen compartín intimidade, ese espir a alma sen volta atrás, botarse de cabeza e confiar no outro. Graciñas, meus amigos, por estardes aí.

19/05/2007

Será por madalenas!

Resposto aquí ao desafío proposto pola Raiña Vermella, o test de Proust que anda polo blogomillo adiante.

1. O principal rasgo do meu carácter?

Alegría, optimismo.

2. A calidade que prefiro nun home/nunha muller (o que fai que alguén me caia simpático)?
Sentido do humor.

3. A calidade que desexo nunha muller/nun home (o que fai que me sinta atraída cara alguén)?
Intelixencia e afouteza.

4. O que máis aprecio nos meus amigos?
Sinceridade.

5. O meu principal defecto?
A preguiza para afrontar as tarefas que non me agradan.

6. A miña ocupación preferida?
Ler, fantasear, compartir calquera actividade con amigos.

7. O meu soño de dicha?
Botar a vista atrás e non ter saudades dos "camiños non tomados".

8. Cal sería a miña maior desgraza?
Traizoarme a min mesma.

9. Que quixera ser?
O que son, con mais tempo para o disfrutar.

10. Onde desexaría vivir?
Na aldea, preferentemente na miña casiña chairega que non dou rematado de amañar!

11. A cor que prefiro?
Iso vai por días, variando do azul ao castaño. Nestes intres decántome polo laranxa.

12. A flor que prefiro?
A madresilva, ou cabrinfolla, ou Lonicera caprifolia, que á pobriña lle chaman de todo pero o importante é o discreta que é pero o moito que gabea, e o seu olor embriagador nos seráns de verán.

13. O paxaro que prefiro?
Metéstesme nun apuro, gústanme tantos: lavandeira, bubela, cigoña, reiseñor... Creo que vou poñer os paporrubios, que tanta compaña me fan no meu santuario chairego.

14. Os meus autores preferidos en prosa?
Stendhal, Steinbeck, Torrente Ballester.

15. Os meus poetas preferidos?
Alberti, Prévert.

16. Os meus heroes de ficción?
Se ten que ser da Ilíada, sen dúbida Diomedes. Se non, sempre fun unha fan de Lucky Luke. (E para min os heroes só poden ser de ficción, non creo nos seres superiores).

17. As miñas heroínas de ficción?
Moitas das protagonistas das novelas de Jane Austen, claro que probablemente señan demasiado humanas para ser heroinas.

18. Os meus compositores preferidos?
Vivaldi, Saint-Saëns, Dvorak.

19. Os meus pintores predilectos?
De estilos moi diferentes: Velázquez, Kandinski.

20. Os meus heroes da vida real?
Todos cantos traballan desinteresadamente polo ben común. (Xa volo dixen, os heroes non existen).

21. As miñas heroínas históricas?
As Sabinas.

22. Os meus nomes favoritos?
Non llelo poría a ninguén, pero Gloria é un nome moi expresivo.

23. Que detesto máis que nada?
A intolerancia.

24. Que caracteres históricos desprezo máis?
Os contrarios á liberdade, á tolerancia, ao entendemento.

25. Que feito militar admiro máis?
Ningún. Son antibelicista.

26. Que reforma admiro máis?
A do Museu de Belas Artes da Coruña. ;-)

27. Que dons naturais quixeras ter?
O de cantar ben non estaría mal, poderíalle sacar rendemento...

28. Como me gustaría morrer?
Satisfeita.

29. Estado presente do meu espírito?
Constructivo.

30. Feitos que me inspiran máis indulxencia?
Os que parten de boas intencións (e disque enchen o Inferno!)

31. O meu lema?
Sé ti mesma.

02/05/2007

5 semanas e medrando

Botaron agudos dentiños e xa os están a estrear con piensos enchoupados en leite. O que mais traballo me da é enfornarlles na boca o raio do desparasitador, que fede a botica que me anoxa mesmo a min, coitados!