24/11/2012

Con Xurxo Souto tras das pegadas do antigo gremio de Mareantes

Lin onte na prensa e confirmei esta mañá no blogue da AELG a convocatoria deste roteiro literario pola Coruña con Xurxo Souto. Saímos unhas 50 persoas desde a igrexa de Santo Andrés na rúa homónima, parando na Rúa Real, peirao da Mariña, igrexa de Santiago, Parrote, San Carlos, as Bárbaras e finalmente o adro de Santa María. Ao remate aceitamos o convite a un familiar magosto na rúa do Orzán. É unha actividade complementaria dun obradoiro de escritura, polo que o paseo foi moi participativo, con lecturas de poemas de autores consagrados ou noveles, e contribucións espontáneas dos asistentes. A principal referencia bibliográfica para a parte histórica foron os documentos recuperados por Santiago Daviña Sáinz nos arquivos do Marqués de Viso (Álvaro de Bazán).
O meu problema con este tipo de eventos e que por máis que aprendo unha chea de cousas, ao mesmo tempo nácenme centos de preguntas. Se nos cinguimos ao gremio dos mareantes, non sei se entre eses homes de mar habería coma hoxe unha distinción entre pescadores e mercantes. E alén diso falta moito por saber da súa contribución -as máis das veces, forzosa- nos envites militares de El-Rei de las Españas.
Que pouco sabemos da vida e desgrazas dos habitantes do barrio da Pescadería!.

Sem comentários: