Dende que o Homo chegou a sapiens -e mesmo para que ese mesmo proceso puidese ter lugar- a supervivencia dos individuos e da especie baseouse na construción. Na creación e desenvolvemento de estratexias para satisfacer necesidades: alimentación, abrigo, reprodución. A socialización foi unha práctica ferramenta, porque permite sumar experiencias. A sabeduría acumulada de milleiros de anos.
Unha vez garantido o noso dominio do planeta e xa que logo, do universo, podémonos permitir cruzar os cabos e queimar as naves. Nace o culto do malditismo, refuxio dos únicos e especiais, contra o aburguesamento que é un acomodo degradante. Pasar un serán de fin de semana lendo na casa é burgués, etilizarse nun tugurio onde o volume sonoro impide non só a comunicación senón o propio pensamento, é o que singulariza a un!
A volta de porca máis patolóxica está a ansiedade de demolición. A autodestrución non é suficiente: eu chámolle complexo de Medea á afición por destruír o que non poidamos aprehender. O bombardeo de despropósitos que algúns postean en internet non ten límite.
Sem comentários:
Enviar um comentário