28/03/2008

Cultos e crenzas

Meu pai tiña profundas conviccións relixiosas (e políticas, e profesionais, e...)
Tivo dous funerais: o cristián, na Chaira, e o católico, en Compostela. Nada que ver un có outro. Fora unha discusión que tiveramos máis dunha vez. Amor e redención fronte a sacrificio e resignación. Humanismo fronte a liturxia.


(Grazas aos amigos do Clube Deportivo Fontiñas pola homenaxe fotográfica.)

24/03/2008

Loito

O meu pai morreu o venres, no bus que o levaba ao aeroporto de Lavacolla para marchar de vacacións coa muller que amaba. Tiña un sopro* no corazón e sabía que cando se fose sería así, sen avisar. Pero non contaba con que fose tan cedo, cando estaba a refacer a súa vida: levaba un ano prexubilado, hai menos dun mes que mercara coche e estaba facendo obras na casa da aldea. Aínda está sen desempaquetar a lavadora nova que lle trouxeron o martes.


*Edito: por corrección científica a dolencia chámase bradicardia

12/03/2008

11/03/2008

Agasallos


Outro meme blogomilleiro: os peores agasallos que nos teñan feito. Nace nunha illa de esperanza de liberdade, pasa por un taboleiro de colorada soberana, e finca na chaira procurando as miñas aletargadas neuronas.
Remexendo as lembranzas, vexo na obriga de confesar (vaia feminista estou feita!) que os peores crimes -en termos de agasallos- proceden das femias da parentela. A avó que teimaba en tecer enooooormes xerseis (duros de vez: aínda uso algún, dándolle varias voltas ás mangas, para pasear polo monte asustando aos cochos). Ou, moito peor (porque é unha maré que non cesa): os libros de autoaxuda, procedentes das novas xeracións. Menos mal que está o bookcrossing para lles procurar un destino mellor que o meu desprezo.
Seguro que o demo da quántica, o señor das tertulias culturetas e a miña froita dóce tamén poden partillar experiencias estarrecedoras...

04/03/2008

Flor de Pexego


Flor de pexego, alma delicada.
Chegaron as cigoñas.

Cambio climático.

Vai nevar.