Ela entrou no bar cun chupachup na boca e hai que se foder co inmediato que é o instinto masculino. Camilo Franco, "Palabras contadas"

Sen portátil -segue avariado- sigo a instalar a miña oficina ao solciño nas horas de medio día. Hoxe xantei unha bolsa de galletiñas mentres unha familia de xoaniñas facía prácticas de aterraxe na miña branca pel. Aproveitei para rematar de ler "Sons and Lovers" de D.H. Lawrence, un tema pendente que me deu moito que pensar nas relacións entre persoas baseadas na entrega e na posesión. Malia os numerosos casos dos que fun testemuña, négome a crer que as relacións humanas, nin as mais íntimas (parella, familia) se deban rexir en condicións de dependencia e propiedade. Claro que eu debo ser unha idealista libertaria!
Xa que a cousa ía de contos, confeso a miña sorte por ser lectora desde noviña da brillantísima rival de Perrault, a baronesa de Aulnoy, de quen a obra mais coñecida por aquí é "O paxaro azul", cunha fermosa e aguerrida princesa que terá que superar con valentía e intelixencia moitos atrancos ata resgatar ao seu pobre príncipe.
As reflexións sisudas que ando a ver polo blogomillo ultimamente oriéntanse bastante respecto ao tema do feminismo e/ou das relacións co "outro". No "Álbum de Mulleres" do Consello da Cultura Galega, o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil fixeron unha escolma de artigos que titularon "De nenas e de libros". Nun deles Maria Raimóndez explica que foi o sexismo presente nas súas lecturas unha das razóns que a puxou a escribir historias nas que as nenas e mulleres tivesen un rol mais activo.