As reflexións sisudas que ando a ver polo blogomillo ultimamente oriéntanse bastante respecto ao tema do feminismo e/ou das relacións co "outro". No "Álbum de Mulleres" do Consello da Cultura Galega, o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil fixeron unha escolma de artigos que titularon "De nenas e de libros". Nun deles Maria Raimóndez explica que foi o sexismo presente nas súas lecturas unha das razóns que a puxou a escribir historias nas que as nenas e mulleres tivesen un rol mais activo.
Quédame moi atrás a miña prehistoria (a miña vida anterior ao acceso á palabra escrita). Das obras para nenos que lin xa mais criadiña (9-10 anos) e con liberdade para escoller as miñas lecturas, só lembro como especialmente machistas as noveliñas da prolífica Enid Blyton (aínda agora me producen escándalo). En cambio na literatura clásica infantil, nunca cansarei de recomendar e agasallar "O Meigo de Oz" de Frank Baum, o meu grande favorito de todos os tempos (que me perdoen Lewis Carroll e Raíña Vermella), protagonizado esencialmene por mulleres (de feito a única personaxe masculina, o meigo, resulta ser unha fraude!).
7 comentários:
Os de Enid Blyton parecíanme obscenos até a min daquelas que os lía. Eses dous personaxes: a nena-neno e a nena-nena (esta última absolutamente feliz do seu único cometido de facer felices aos varóns facéndolles comidiñas e dobrándolles a roupa).
Segue viva esa señora? Vamos a por ela?
Perdoadísima, Lourixe, sobre todo porque a min tamén me encantou o Meigo de Oz e o xeito no que Baum fai un conto infantil protagonizado por mulleres, pero sen ser "para mulleres" especificamente. Ollo á garda feminina da fada boa!
P.D: Morte a Blyton, e se xa está morta, facémoslle unha ouija.
Buf, os cinco, a min de neno xa me costaba dixerilos.
Concordo co de O mago de Oz, aínda o volvín ler fai un mes ou así. Caeu nas miñas mans un exemplar moi feitiño de TrisTram. É un bo agasallo para calquera neno ou non tan neno.
Veño borracha de mar e praia e non teño a cabeciña agora para comentar o existencialismo latente no libro, creo que foi con Dorothy con quen adquirín consciencia de que "el camino se hace al andar(...) y al volver la vista atrás/se ve la senda que nunca/ se ha de volver a pisar.
Será para outro post, se cadra.
Que envexa me dás co da praia :)
Eu tamén me sorprendo das cousas que lía de nena, incluso nos libros de texto.
O malo é que non hai só unha Enid Blyton, por desgraza, e aínda que agora sexa menos frecuente que aparezan casos tan descarados (ou non, ás veces son outras manifestacións do mesmo) os contos tradicionais parecen totalmente imposibeis de irradicar. Se cadra a solución é a súa reescritura en termos feministas,como xa fixeron algunhas escritoras.
O problema da meirande parte dos contos clásicos é que o que ten mais difusión son versións resumidas, deturpadas e sacadas de contexto. Con todo, non podemos acusar as lecturas infantís da educación sexista que aínda hoxe reciben moitos nenos, porque os nenos len o que os adultos lles poñemos nas mans.
Adoro a peli do Mago de Oz, ademais das chairegas.
Enviar um comentário