19/05/2012

Próxima posible viaxe

Novo neoloxismo: turismo palatal (combinación de gastronomía e isoglosas). A ver se nalgunha das vindeiras fins de semana damos ido a Cabrales. Gustounos unha reportaxe que vimos sobre a aldea de Tielve, produtores e produtos.
Ando a buscar unha casa rural ou hostaliño onde poidamos convivir con indíxenas. Esta debe ser ben enxebre, con eses cobertores que semellan saídos do catálogo de Reig Martì. E non hai desculpas para non pasear pola natureza.

12/05/2012

Primavera vexetal (2)

Despois dun mes de chuvia, ao subiren as temperaturas a hortiña está a espertar. Florean a clemátide e mailo marmeleiro (cerdeiras, pexegueiros, pereiras e maciñeiras perderon xa a flor). Hai leitugas para apañar e outras para transplantar. Naceron os chícharos, pero aínda teño que protexer as tomateiras con botellas recicladas pola frescura das noites. No mini-invernadoiro agardan as pementeiras, as berenxenas e as cucurbitáceas (cabazas, cabaciñas e cogombros), máis friorentas. Onte sementei as xudías, xa que me informou unha veciña de que era a lúa que máis lles acaía (minguante).
Atopei por fin sementes de lavanda e de cilantro, que vou botar no invernadoiro que teño no despacho da universidade.

Primavera vexetal (1)

Comezou ao florearen os bulbos, aló pola San Xosé, cando a Chaira era néboa e sol.