29/03/2007

Expectativas

Pasadas as primeiras 24h, pesados, lavados e mantidos. Os cadeliños teñen moitas semellanzas coa camada anterior (hai 2 anos). As fotos son dunha cria de 2 meses e doutra que gardei, agora adulta.

28/03/2007

Musica para o amor... ou o sexo

Reto iniciado por mariademallou en casa allea.



De Otis Redding tamén pode valer "Try a Little Tenderness", ainda que é algo mais sentimental. Claro que, como di unha amiga, a música mais "follable" de todos os tempos é un bon blues ramplón. Para o amor ou o sexo: John Lee Hooker ("I'm in the mood"), Muddy Waters("Hoochie Coochie Man"), Howlin' Wolf ("May I have a talk with you"), ou mesmo os do pais son excelentes exemplos.

Pariu a avó


Perdín un negocio, esganei o coche, avariou o meu portatil habitual...
Rematando a faena pariu a avo, a miña vella cadela de 8 anos! E debeu enteirarse da lei de paridade porque viñeron 4 femias e 4 machos. Xa podo ir buscando familias de acollida...

24/03/2007

Precarios


Gustaríame recuperar a historia que oín nalgures que explica que os criterios económicos que hoxe en día seguen as empresas son de aumentar a rendibilidade a costa de prestar peor servizo. Nesta orde de cousas, o proveito máximo acadaríase cando todo deixase de funcionar: os gastos serían nulos e os ingresos serían todo beneficio.
Isto poderíase tomar como un conto, unha parábola, se non fose que a realidade cotiá se empeña en nolo confirmar. A Telefónica parécelle un desperdicio ofrecer salarios de 700€ mensuais aos encargados de absorber as broncas polos malos servizos que presta a compañía de telecomunicacións, e comezou unha rolda de despedimentos polas súas filiais en España. Todos somos víctimas desta situación: os empregados que ven abafados os seus dereitos, os usuarios aos que van seguir cobrando o mesmo por menos prestacións. Impresionante a solidariedade dos coruñeses. Grazas a unha grande amiga por me convidar a participar.

A imaxe é unha pintura ao gouache: "Landscape with broken machine" (1935) de Stuart Davis.

21/03/2007

21 de marzo, Día Mundial da Poesía

8 count
from my bed
I watch
3 birds
on a telephone
wire.
one flies
off.
then
another.
one is left,
then
it too
is gone.
my typewriter is
tombstone
still.
and I am
reduced to bird
watching.
just thought I'd
let you
know,
fucker.

Charles Bukowski

Hoxe, 21 de marzo, Día Mundial da Poesía. Hoxe, bookcrossing mediante, chegou ás miñas mans unha miniescolma de Bukowski. Recoñecín o sinal para rescatar as ligazóns dos artículos que sobre este grande provocador publicou El País o pasado sábado 10 de marzo no suplemento Babel .
Un reintegrata con moito humor (si, habelos, hainos) expresou un día esta reflexión que me impactou: "os poetas malditos de verdade acabam vendendo armas em áfrica, nom aos 40 no Tarasca". Bukowski non é daquela tan maldito como o pintan.


11/03/2007

primaveira


No calendario faltan dez días. Na Chaira hai unha semana que chegou. Un pracer poder trasladar a oficina porque eu, como Anteo, recárgome de enerxía en contacto coa terra nutricia.

10/03/2007

os que se foron, os que se van (3)

Mais outra efeméride: Amador Rei, Daniel Niebla, a vosa causa que é a nosa, un traballo digno na nosa terra. 35 anos despois do voso asasinato hai cousas que non melloran como deberían. As mobilizacións son moi localizadas. E mentres o goberno da Xunta segue a se rir de Ferrolterra: isto xa parece algo como "os hacemos un plan nuevo de reindustrialización pero no toquéis más los cojones con Navantia, que nos ponéis en evidencia".
DÍA DA CLASE OBREIRA GALEGA: CIG, CCOO, FPG

09/03/2007

os que se foron, os que se van (2)


Outros que non volverán... Porque seguen aquí. Xente coma nós, con familias, con proxectos para as súas vidas e para o noso país aos que a barbarie fascista non permitiu nin a fuxida cara o exilio. Pero o feito de eles viviren e morreren constitúe un chanzo mais na nosa identidade como pobo, como nación. (Visto en Brétemas).

Edito 10/03/07: ningún xornal galego recolleu o acto. Só atopei a crónica en El País!

os que se foron, os que se van (1)

Unha efeméride de hoxe: é o quinto cabodano do pasamento de Carlos Casares. Mais sería pouco propio chorar ausencias sen lembrar presencias. E se moitos que o coñeceron e aprezaron teñen saudade da súa persoa, a súa contribución á cultura galega fai que siga vivo na obra (boa ou mala) que deixou para nós.

08/03/2007

todas nós


Non sei certo quen lembrar hoxe: as traballadoras oprimidas, as traballadoras valoradas, as traballadoras contratadas, as traballadoras autónomas, as traballadoras invisíbeis... O dereito a un traballo xusto e remunerado nas mesmas condicións que calquer outra persoa independentemente do sexo paréceme tan obvio que non concibo como no primeiro mundo ainda sexa unha reivindicación necesaria. Pois é.
A miña sentida homenaxe á siña Angelita da Barcia, traballadora incansábel aos seus 84 anos.

02/03/2007

Blogroll

Unha noite de invernía, unha sesión de navegación solitaria... Unhas illas fantásticas que fan que mereza a pena inaugurar un blogroll.

http://asuvasnasolaina.blogspot.com/

http://oportodosescravos.blogspot.com/

http://espello.blogspot.com/

http://miradascomafrechas.blogspot.com/


Edito para engadir dous modestísimos vencellos mais, o dos meus reintegrismos e o que anuncia a primaveira na Chaira!