28/03/2008

Cultos e crenzas

Meu pai tiña profundas conviccións relixiosas (e políticas, e profesionais, e...)
Tivo dous funerais: o cristián, na Chaira, e o católico, en Compostela. Nada que ver un có outro. Fora unha discusión que tiveramos máis dunha vez. Amor e redención fronte a sacrificio e resignación. Humanismo fronte a liturxia.


(Grazas aos amigos do Clube Deportivo Fontiñas pola homenaxe fotográfica.)

24/03/2008

Loito

O meu pai morreu o venres, no bus que o levaba ao aeroporto de Lavacolla para marchar de vacacións coa muller que amaba. Tiña un sopro* no corazón e sabía que cando se fose sería así, sen avisar. Pero non contaba con que fose tan cedo, cando estaba a refacer a súa vida: levaba un ano prexubilado, hai menos dun mes que mercara coche e estaba facendo obras na casa da aldea. Aínda está sen desempaquetar a lavadora nova que lle trouxeron o martes.


*Edito: por corrección científica a dolencia chámase bradicardia

12/03/2008

11/03/2008

Agasallos


Outro meme blogomilleiro: os peores agasallos que nos teñan feito. Nace nunha illa de esperanza de liberdade, pasa por un taboleiro de colorada soberana, e finca na chaira procurando as miñas aletargadas neuronas.
Remexendo as lembranzas, vexo na obriga de confesar (vaia feminista estou feita!) que os peores crimes -en termos de agasallos- proceden das femias da parentela. A avó que teimaba en tecer enooooormes xerseis (duros de vez: aínda uso algún, dándolle varias voltas ás mangas, para pasear polo monte asustando aos cochos). Ou, moito peor (porque é unha maré que non cesa): os libros de autoaxuda, procedentes das novas xeracións. Menos mal que está o bookcrossing para lles procurar un destino mellor que o meu desprezo.
Seguro que o demo da quántica, o señor das tertulias culturetas e a miña froita dóce tamén poden partillar experiencias estarrecedoras...

04/03/2008

Flor de Pexego


Flor de pexego, alma delicada.
Chegaron as cigoñas.

Cambio climático.

Vai nevar.

19/02/2008

Galiza non se vende

Xa están aíiiii...


Quen vai ser? As eleccións estatais. Teoricamente aínda non comezou a campaña pero cada vez se publican máis enquisas e quinielas de resultados. Detéctase certa expectación no ár por se "os nosos" aumentarán máis ou menos que "os outros", por se gañarán "os maos" ou os "menos maos".
Pero... realmente o resultado dos comicios vai mudar algo da nosa realidade social? Seremos máis libres, máis felices, máis seguros, mellor servidos, con uns que con outros? De certo que...

10/01/2008

Propiedade responsábel


Sobre a propiedade absoluta é un interesante artigo sobre a filosofía do "todo vale" nesta terriña nosa, e en particular no caso das comunidades de montes.
Fíxome reflexionar sobre a responsabilidade que temos para coas cousas que en teoría posuímos, tanto animadas como inanimadas, sobre a nosa conciencia e preocupación acerca do seu benestar e mantemento. O que fagamos delas pode ser legal e non ser lexítimo. Na miña terra viviron moitas xeracións humanas e animais, é o meu dereito disfrutala e o meu deber conservala para os que veñan despois. Valados, sebes e cancelas non son quen de deter o tempo.

04/01/2008

Blogoliteratura

A popularmente aprezada literatura de cordel (Obras populares, como romances, novelas cortas, comedias, vidas de santos, etc., que se imprimían en pliegos sueltos y para venderlos se solían colgar de unos bramantes puestos horizontalmente en los portales, tiendas y mercados. RAE) rematou deostada e denigrada (L. de cordel: literatura de baixa qualidade. Priberam), ou directamente eliminada pola censura política e relixiosa (agás no Brasil).
E se hoxe o cordel é internet?
Hai moitas formas de literatura popular. Na Galiza tamén se desenvolven as súas variantes virtuais, incentivadas pola competición ou pola publicidade.

02/01/2008

Ser, ter, facer


Ano novo e a vida de sempre. Unha data para facer balance. Do que son, do que teño, do que fago.
Si, son eu: errática, aventureira, acollendo os avatares da vida cun sorriso ou unha gargallada, respeitando as circunstancias. Lembrando de cando en cando cun brillo na mirada os que se foron e os que se irán sen se despediren. Por que non serei máis míope? Maldita intuición, aí estás!