30/11/2014

Galicia para cruceiristas

No foro de maruxas americanas que sigo atopei o link destoutro, unha rede social onde comparten experiencias guiris de todo o mundo, con consellos para viaxaren en cruceiro. Picoume a curiosidade e andiven a procurar as opinións que intercambiaban a propósito de Galiza. Haiche xente ben espilidiña polo mundo, e non falo dos turistas, senón das empresas que ofertan excursións sen respaldo legal. Guías sen licenza que se publicitan finxíndose xubilados de California. E algún xornalista blogueiro. E algunha web que ten a Torre de Hércules como monumento menos valorado da Coruña, e unha lista de atractivos ben limitada para Compostela. E algún peregrino organizado ou organizada. Mundiños estes.

11/11/2014

Costa da Morte

O itinerario sae da Coruña pola autovía de Carballo (AG 55) que continúa pola estatal N-552, pero imos apartar en Coristanco cara Santa Catalina/Santa Comba para achegármonos á costa pola AC-400, unha estrada secundaria en moi bó estado, con grandes tramos rectos e, sobre todo, unha grande riqueza paisaxística. Pasado Pino do Val comezamos a enxergar a liña de costa, e por entre as eólicas de Paxareiras albiscaremos cabalos selvaxes pacendo entre os toxos e piñeiros.
Falta pouco para chegarmos á vila mariñeira de Muros, co seu porto e as estreitas rúas que soben cara a igrexa de San Pedro. Levamos xa hora e media de coche, é tempo de dar un paseo.
 De Muros a Fisterra seguramente faremos algunha parada, se cadra en Louro, Carnota ou o Pindo.
En Fisterra cómpre pasear polo peirao (hai un tasco enxebre no que non desboto tomar un bocadillo de luras) e camiñar até o faro.
Segundo como se presenta o día (meteoroloxicamente falando), hai dous percorridos que me gustan para seguir un tramo da costa. Un deles sae de Fisterra pola praia do Rostro, Lires, Nemiña, Touriñán, a punta da Voutra e Muxía. Hai unha pista asfaltada. O outro percorrido consistiría en ir de Muxía a Camelle por Camariñas, Cabo Vilán, Cemiterio dos Ingleses, Praia do Trece e Arou. Aínda e máis enxebre, pero hai dez anos que non vou e a pista que lembro non estaba asfaltada.
Nesta altura do ano, o lusco-fusco comeza ás 6:00 da tarde, así que daría tempo a ver pouco máis.