12/06/2009

Música galega, pechada por reformas

Non son unha experta. O que sei aprendino do programa Aberto por Reformas de Xurxo Souto, que coas eivas que puidese ter era o referente do que se fai na actualidade pola música no país.
O posto de Xurxo como director de programación da Radio Galega era de designación e era previsíbel o seu fusilamento polas autoridades Ppeiras. O que me parece unha falta de respeto, para os traballadores da radio e para a audiencia, é que conserven o nome para un espazo que non ten nada que ver: música estranxeira para nostálxicos dos 70-80. Podo imaxinar o perfil dos que gostan: home cincuentón, soldo medio-alto, divorciado e sen aficións extremas. Tipo gris e satisfeito de si mesmo.

http://chuza.org/historia/os-grupos-galegos-comezan-a-organizarse/
http://chuza.org/historia/aberto-o-foro-de-www-komunikando-net-a-musica-galega-reaxe/
http://chuza.org/historia/artabria-com-xurxo-souto-e-com-os-grupos-galegos-contra-alberto-por-reformas/
http://chuza.org/historia/manifesto-pola-defensa-da-rtvg-2/
http://chuza.org/historia/xa-se-pode-asinar-o-manifesto-contra-a-censura-e-a-marxinacion-da-musica-galega/
http://chuza.org/historia/asembleia-aberta-na-sala-nasa-pola-musica-galega/
http://chuza.org/historia/o-rosto-do-traidor/
http://chuza.org/historia/son-moitos-os-apoios-ao-manifesto-contra-a-censura-e-marxinacion-da-musica-galega-2/
http://chuza.org/historia/foros-da-crtvg-arrecian-as-protestas-na-rede-contra-a-supresion-da-musica-galega/

02/06/2009

Reglas e trampas

O Sin-Chan é un rapaz de 5 anos que se imita moito ao seu homónimo, un debuxo animado xaponés. Espelido e retranqueiro. Foi até pouco fillo único, e grande afeizoado á Play, á Game e á Wii.
Cando vén de visita gosta de xogar ao xadrez. Ao seu xeito, claro. Escolle unha cor, determina os movementos das figuras segundo o seu interese, de manera que el decote me coma fichas pero eu nunca lle poida atacar as del. Invariábel e inevitabelmente, gaña el. Sempre.
No Estado Español asentáronse no poder en alternancia dous partidos que se din antagónicos pero que no fondo defenden o mesmo sistema político e económico. Pactan normas de xogo que obrigan a todos menos a eles. Disque acordaron que nunca se habían empregar as pensións, o paro e o terrorismo como arma para a captación de votos. Tamén só poderían xogar os que rexeitasen a violencia. A violencia significa cualquer forma de opinión que non sexa a deles.
Nesta altura están a lle pedir aos nosos gandeiros, aos nosos prexubilados de estaleiros e aos parados da construción que confíen neles para resolver en Europa os nosos problemas. E aínda hai quen soña coa posibilidade de gañarmos algo no xogo.

24/05/2009

Sementeira

Cadeliña ten seis anos e segue a ser Cadeliña, cariñosa e maternal con todos agás cos gatos aos que lles ten pánico. Todas as roldadas de cans e nenos da familia pasaron polos seus amantes coidados.
O que a ten alterada nas últimas semanas é o bruar dunhas máquinas roendo no monte de Ramil onde habitualmente lle foxen os corzos na fraga impenetrábel. Se acodise as reunións parroquiais sabería que están a abrir as pistas da concentración.
Finalmente púidolle a curiosidade e decidiu sair explorar. O que non tiña previsto foi que a acompañasen os filliños da Maia, catro cadeliños de apenas un mes con grande afecto e dependencia da súa nanny canina.
Descubrín a grande evasión pasadas un par de horas. Chovera a reo nos días anteriores e as novas pistas estaban enlamadas. Desde o cuarto onde estaba a ler chegábame o eco de laios animais. Calcei as catiuscas, crucei o pasteiro e o rego e cheguei á orixe dos saloucos: dous cadeliños entrampados nunha poza. Collinos nos brazos para lles dar calor contra o meu corpo e voltei a todo correr cara a casa para lles dar un baño quente, preocupada pola sorte do resto da tropa. Alimentados e secos, deixei os resgatados na casa e saín á procura dos outros. Chamando por eles cheguei á Granda. Fidel, á porta da corte, chamou por min:
"Xa sei por qué vés, pero non están aquí. Avisou Teixoeiras que lle apareceran na casa unha cadela e un cadeliño." As Teixoeiras son case a última casa da parroquia, está a uns 2 km. Saín fungando polo coche, a fume de carozo polas pistas, até a granxa onde Cadeliña paseaba como se fose da casa, co canciño enchoupado e acubillado contra a porta da cociña onde non lle deixaran entrar. Chimparon de ledicia ao me ver e escoitar. Cadeliña foi para o maleteiro e o pequecho, envolveito nunha toalla, entre os meus pés. Con todo, a miña preocupación ía en aumento porque seguía a faltar un dos cans, precisamente o máis guapiño que me habían vir buscar ao día seguinte.
A sorte foi que decidín volver pola estrada de Val de Calvos. Ao pé das casas xuntárase un corro de xente. Parei o coche para preguntar polo cadelo e alí estaba o coitado, no medio dos curiosos que se preguntaban quen tería as entrañas tan podres como para abandonar unha criaturiña tan xeitosa. Ao me recoñecer brincou de ledicia e adornoume o pantalón cunhas fermosas pegadas das súas poutas lamacentas. Fixen del outro fardelo nunha toalla seca e por fin voltei a casa xuntar toda a familia que a Cadeliña sementara.

22/05/2009

post-post

Non lembraba o noxo que dá Compostela nas mañás de festa, con ouriños e potas polos recantos. Teño por unha vez un par de horas de lecer para observar a grande cantidade de negocios que fecharon no último ano. Chego tarde a Couceiro para mercar A Perspectiva desde a Porta, que non atopei na Feira do Libro de Lugo.

13/05/2009

Campaña picheleira


Serei unha repunante, pero tería preferido que no canto de apelar a amolar a Conde Roa, os autores da campaña procurasen concienciar (-se e -nos) das dificuldades que as persoas con mobilidade reducida teñen para levar unha vida normal e autónoma, que inclúe a socialización alén da rede. Pode que o efecto publicitario fose inferior e a recadación menos espectacular, pero sería máis coherente cos fins que debe ter un Centro Social: a constitución dunha comunidade plural e solidaria.

Quen vocea por nós?

Indo no coche facer o meu contributo escoitei na radio galega os comentarios da audiencia a propósito do debate sobre o "Estado da Nación". Unha das intervintes reprochaba a Jorquera a súa morna participación, reclamando que el é a voz que representa Galicia nas Cortes estatais. Que eu saiba hai na Cámara oficialmente 23 deputados que prometeron na campaña defender os intereses dos galegos, é curioso que só se lle esixa ese cumprimento a un ou dous deles. Probablemente estamos ante máis un caso de cidadá que vota nun partido de rango estatal con campaña presidencialista pero confía en que sexan os nacionalistas quen acheguen as demandas reais do país.

Recordatorio dos nosos teóricos representantes no Congreso:

11/05/2009

Posts atrasados

Débolle a este blog unha morea de comentarios, que quedaron entre a neurona e os dedos, nalgunha parte apalancados.
Xurdiron e morreron nos centos de horas que pasei conducindo, país-nación-Galiza arriba e abaixo.
Exemplos abortados:
Cal é o vencello entre a brétema e a poesía? Por que as concentracións de poetas da Costa da Morte e da Chaira?
Cando desaprendemos o valor do esforzo e do traballo colectivo?
Por que non dou baixado o OpenOffice?

E mentres, Mario presenta o libro de Pati, Marcos gaña dous premios nunha noite, e A. case fica no paro.

17/02/2009

Promesas ou programas?

Vía Chíos de Chuza descubro o portal de Mundogaliza que ten en portada os programas e/ou promesas electorais dos partidos que se presentan ás eleccións do 1 de Marzo ao Parlamento de Galicia. (Ben, todos non están: non vexo o da Falanxe, por exemplo. Tampoco é que me interesase).

13/02/2009

Campañas

Estes tempos estamos asediados: campañas bífidas, ridiculistas, presidenciais-autonómicas...
Motivo para ceibar a creatividade dos mellores deseñadores gráficos.
Estes cartaces son obra de Maceirax.


27/01/2009

Sementamos torretas...



... e recollemos tempestades.
3 días sen servizo eléctrico despois, teríame gustado que xurdise nalgures o debate do soterramento das liñas.