O venres pola mañá, pasearemos polo Eixample. É imprescindible coñecermos algún mercado popular de barrio. Desta vez ímonos decantar polo de l'Abaceria Central, no corazón do barrio de Gràcia, que nos ten namorados (e non só polas librarías). Pola zona está tamén o Mercat de la Llibertat (na praza do mesmo nome).
Nalgún momentiño faremos unha escapada á libraría Alibri, o paraíso dos frikilólogos. Polo serán visitaremos as nosas amigas no CAOC e tomarémoslles unhas no Jan Petit.
O sábado pola mañá poderíamos comezar polos Encants de Glòries, que ten de todo. Acompañaranos o noso amigo Ramón, que se cadra nos pode indicar un bon sitio para xantarmos.
Pola tarde, se nos presta e dá tempo, poderíamos achegármonos ao Museu Nacional d'Art de Catalunya (gratuíto os sábados desde as 15:00 h, pero pecha ás 18:00 h en horario de inverno). Aínda que só fose polas coleccións de arte románica. A modo de aperitivo, o seu web ofrece estes interesantes percorridos virtuais.
Estamos perto da estación de Sants para collermos un tren para Reus. Ás 17:33 h sae un expreso R14 que chega ás 18:52 h (1 h 19 min de traxecto, 9,55 €). O seguinte é o R15 das 19:06 h que chega a Reus ás 20:50 h (1 h 44 min de traxecto, 8,40 €).
Os nosos amigos xa nos teñen planificada a estadía no Baix Camp. Ao parecer o domingo imos visitar Santes Creus e degustar unha imperdoable calçotada. A ver que nos reservan para o luns e o martes pola mañá.
Para volvermos de Reus ao aeroporto de Barcelona, autobuses Plana sae ás 13:25 para chegar ás 16:05 h ou sae ás 15:55 h para chegar ás 18:35 h á T1 (2 h 40 min de viaxe, 14,95 €). No tren (Rodalies de la Generalitat) teríamos que saír de Reus no R15 das 16:14 h, facermos trasbordo en Sants e chegaríamos ao aeroporto co R2 ás 17:57 h (1 h 43 min de traxecto, 8,40 €). O noso voo sae ás 19:40 h da Terminal 1, para estarmos en Coruña ás 21:25 h.