15/03/2011

Labouras

Dacabalo do vento, do mar á chaira, este inverno estivo ben movido. Pasar semanas enteiras de enfermeira ponme a ansiedade polas nubes, menos mal que son maruxa abondo para entreter as mans con calceta.


Pero antes da primavera chegar (úlese no ar), hai que controlar as andanadas de silveiras contra o muro do fondo, aí onde o enorme carballo pousa as pólas mais pesadas. Para a miña alegría descubrín que cada vez hai máis madreselvas: xa avento os seráns de verán perfumados a conciencia.

14/03/2011

Lectores


50 libros lidos ao ano poden ou non constituír un reto; a estas alturas non me sorprende que haxa excépticos. Cando o vicio che ven da infancia é difícil de resistir. "Cuando haces pop no hay stop", sigo a pasar noites en vela cando a historia engancha. "Guerra e Paz" lino aos dez anos por desafío da bibliotecaria escolar, desbordada polas miñas demandas de máis e máis páxinas. De certo que son moi irregular: podo pasar semanas sen un libro e despois tirarme varios días de maratón lectora. Probablemente o meu principal límite sexa o económico: procuro mercar menos libros que os que leo; afortunadamente existen as bibliotecas e o bookcrossing. E o que máis me gusta dos lectores é compartir as nosas diferentes experiencias. Mesmo entre frikis da historia ou da mitoloxía.

As miñas lecturas.

13/03/2011

Twittear, bloggear ou que?

Xa non sei onde actualizar. Demasiadas posibilidades de publicación.

Un caixón de xastre, un caixón desastre... A. sempre rosma pola miña falta de orde. Supoñamos que este é o espazo axeitado para almacenar desbarres. Debo ser unha das últimas persoas do estado en admirar a retranca do heroe mediático de ferrolterra, Alfonso-Alfonso Tellado, de quen as intervencións no programa de Buenafuente bateron récords no Youtube.

http://www.youtube.com/watch?v=U-RtwfkFLZA&feature=player_embedded#at=14

http://www.youtube.com/watch?v=qVsM1KKXbLo&feature=player_embedded#at=351

http://www.youtube.com/watch?v=Lg0265e8bvY&NR=1