25/06/2007

Conto do Leituga

Apareceu nun seu comentario nas Uvas da Solaina, espero que me perdoe o uso non autorizado do seu texto:

Instituto urbano en Vigo, Coruña ou Ferrol, entre o centro e a periferia que se achega cada vez máis ao centro. Un profesor castelán-falante entra nunha clase de alumnos castelán-falantes (practicamente o 100%). El vén de falar en castelán coa súa mnuller, cos seus fillos, coa caixeira do súper, cos seus compañeiros. Fai o que fixo toda a vida, dende que era rapaz. Os seus alumnos falaron entre eles no recreo e só se escoitou algunha palabra galega -"carallo", "cona", "parvo"- nunha conversa desenvolvida toda ela en castelán. Talvez algún destes rapaces escoitou ese mesmo día algo de galego na casa, pero a maioría o único galego que escoitaron foron os ecos dalgunha emisión da TVG ou algún anaco de conversa no autobús. Tanto o profesor como eles utilizan habitualmente o castelán. Pero de pronto entran en clase e prodúcese unha transformación desas que, en relación cos políticos, adoita tildarse de "litúrxica". O profesor empeza a falarlle aos rapaces nun idioma que non lle resulta en absoluto estraño, que non descoñece, pero que tampouco é notoriamente o seu. Por suposto, comete múltiples erros sintácticos e léxicos, non coloca un pronome no seu sitio, deturpa os tempos verbais, utiliza incontables castelanismos e, se cadra para compensar, ata di "houra" en vez de "hora". De vez en cando, solta amplas parrafadas en castelán, coma se fose un descanso, e volve pouco despois a falar no idioma que lle resulta incómodo pero que é o legal. Ademais el está de acordo en que hai que "normalizar o galego".
Os rapaces, pola súa banda, escoitan con certa indiferencia. En realidade, dálles un pouco igual. Miran pola ventá. Fan que atenden. Algúns pásanse papeliños uns aos outros. "Bea está buenísima". "David está por mí". O que están desexando é que acabe a clase para poder aproveitar o tempo dedicándoo ao que verdadeiramente lles importa.
Soa o timbre. Rematou o paripé. Tras esta modesta pero imprescindible contribución á normalización do galego, o profesor é abordado por unha alumna máis ou menos aplicada e un pouco pelota que lle pregunta, en castelán, algo relativo á data dun exame. O profesor contéstalle, en castelán, e volve á sala de profesores, onde, eludindo a elección de "A Nosa Terra", lle botará un ollo ao xornal en castelán. Só un ollo á portada, pois enseguida chega un compañeiro que, en castelán, lle pregunta se non lle parece unha desfachatez a inciativa esa de "tangallegocomoelgallego".

Seguro que é unha visión realista. Pero por cada situación destas hai polo menos outra de profesor galego falante e alumnos galegofalantes que ven garantidos así os seus dereitos. Malia o que din por aí, o governo non está a impor unha língua, está a garantir uns coñecementos mínimos das dúas línguas oficiais na Galiza. Asegurar unha educación o mais completa posíbel malia a preguiza dalgúns ou o esnobismo doutros. Despois dos de tangallego e dos obxetores da educación para a cidadanía han chegar os creacionistas restrinxindo o acceso á información e formación dos mais novos. Aproveito para recomendar a visualización do video (49 min) "Línguas cruzadas", sobre a opinión que teñen da nosa fala os mozos na actualidade.

4 comentários:

C.R. disse...

Sei que o texto do Leituga vai por outro lado, mas tal como o apresentou a resposta do professor perante a pergunta do seu colega seria:

- No, me parece justo. Lo del gallego es un paripé. Es mejor no perder más el tiempo.

Ou seja, o senhor Leituga queria denunciar um paripé, mas no seu intento, justificou-no. Curioso, não?

A rapaza do arco disse...

Estou totalmente de acordo contigo, Lourixe. E encántame a visión desta xente que describe a suposta situación (que non digo que non sexa frecuente pero que non é a única)como se antes diso non pasase nada. Pois eu aínda lembro como eran as miñas clases nun colexio rural, no que @s nen@s non só eramos galegofalantes senón que non sabiamos español, pero como era la lingua de nuestro "país"... non tiñamos unha soa clase en galego.
Non falo de facer o mesmo, pero polo menos hai que saber un mínimo, que non creo que @s nen@s sexan tont@s...

bouzafria disse...

Está ben, pero ... o de mixturar os cachondos do gazpacho ( cheira a va-ca) cos outros elementos non cadra.

Amorodo disse...

A mesma xente que hai 30 anos dicía que o galego era un dialecto, que o galego era español mal falado... agora tiveron que mudar o chip por aquilo do políticamente correcto e véñennos co palabro 'imposición', que lles vale para todo, como o verbo 'to get' en inglés.

Entro nunha cafetería ou nun restaurante e non hai carta de menú en galego, entro nunha tenda de roupa e idem, chega á miña caixa do correo publicidade e non está en galego e así seguido.

Claro que hai imposición... do español.