24/11/2012

Con Xurxo Souto tras das pegadas do antigo gremio de Mareantes

Lin onte na prensa e confirmei esta mañá no blogue da AELG a convocatoria deste roteiro literario pola Coruña con Xurxo Souto. Saímos unhas 50 persoas desde a igrexa de Santo Andrés na rúa homónima, parando na Rúa Real, peirao da Mariña, igrexa de Santiago, Parrote, San Carlos, as Bárbaras e finalmente o adro de Santa María. Ao remate aceitamos o convite a un familiar magosto na rúa do Orzán. É unha actividade complementaria dun obradoiro de escritura, polo que o paseo foi moi participativo, con lecturas de poemas de autores consagrados ou noveles, e contribucións espontáneas dos asistentes. A principal referencia bibliográfica para a parte histórica foron os documentos recuperados por Santiago Daviña Sáinz nos arquivos do Marqués de Viso (Álvaro de Bazán).
O meu problema con este tipo de eventos e que por máis que aprendo unha chea de cousas, ao mesmo tempo nácenme centos de preguntas. Se nos cinguimos ao gremio dos mareantes, non sei se entre eses homes de mar habería coma hoxe unha distinción entre pescadores e mercantes. E alén diso falta moito por saber da súa contribución -as máis das veces, forzosa- nos envites militares de El-Rei de las Españas.
Que pouco sabemos da vida e desgrazas dos habitantes do barrio da Pescadería!.

20/11/2012

Ganchillo

Nunha tenda de libros de ocasión atopei unha "Guía práctica ilustrada para Labores" totalmente setenteira. Punto, encaixe, ganchillo... trae unha foto dunha soberbia manta de cadradiños de cores tan doutra época! O que non lembraba era que formase parte do decorado da mítica serie Roseanne da primeira TVG.
Estou a pensar en facer unha... Repasando os puntos básicos, comenzo os cadros amodiño e xa coa práctica voan as mans.

18/11/2012

A todo cogomelo lle chega o San Martiño

Nos descansos desta invernía temperá imos aos cogomelos... E vistas as últimas abondosas colleitas ando na procura de novas receitas. Habitualmente as zarrotas rebózoas para as fritir, as andoas refógoas con cebola e allo como acompañamento dalgunha carne, cos pés azuis fago un prebe que conxelo en racións para acompañar outras preparacións ao longo do ano...
Pero hoxe teño antollo dalgún prato ao forno. Suflés e graténs teñen moita prédica no centro do continente, pero curiosamente non son habituais por estes pagos. Dei cunhas receitas que devezo por experimentar.