20/05/2008

Lingua acó e acolá

Na semana das Letras (Galegas, enténdase) hai quen redixe voluntariosos manifestos, algún escéptico que os critica, a anécdota simpática, o lamento anti-musealización institucional, a opinión práctica... unha supermanifa...

Normalizar unha lingua consiste en facer do seu uso algo habitual, natural, cotiá. Nin unha expresión de rebeldía nin unha homenaxe patriótica. Unha ferramenta de comunicación. E iso esixe un esforzo constante por mellorar o dominio que temos dela, día a día. Con sorte, como no meu caso, cun profesor particular de galego correcto.

09/05/2008

Sigo guerrilleira

Será cousa da primavera, que me altera...

Un poeta namorou, e para outro
cortou a branca rosa que el amaba.

Puidolle dar raíces para ela
medrar esplendorosa na súa casa.
Puido darlle unhas ás para que voase
lonxe de quen a libertara.


Deixou que a pobre rosa esmorecese
na pútrida auga presa nunha xarra.


Gloria ao xenio do poeta!

07/05/2008

Desbarres blogueiros

A palla mental orixinal é de tipo esencialista, procede do debate portuario (2ª entrega) sobre a utilidade dos blogs. Non creo na potencialidade dos blogs, nin da literatura, nin de ningunha forma de arte, como transformadores da sociedade. En calquer caso, poderán contribuir na conmoción dalgúns individuos, moi poucos, capaces de superar a barreira do 28%.

A palla mental derivada é existencialista e relacionada coa miña visión de internet, da vida, como unha infinda rede de opcións que nos levan a pasar por uns avatares ou outros e a facer de nós o que somos. Como naqueles libros de aventuras múltiples a elexir.